O espazo colaborativo A Proa, emprazado no Polígono de Novo Milladoiro (Ames) e integrado na Rede de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña, celebra este o xoves 3 de marzo a primeira actividade de divulgación, formación e asesoramento do seu programa, dende que foi inaugurado o pasado mes de novembro. Trátase dun obradoiro abeirado ao ciclo Coworking Days.
Desenvolverase de 18 a 19 horas e terá como convidado a Gustavo Marcos Cancelas, director executivo da incubadora de empresas Uninova. As persoas participantes na Proba poderán coñecer de primeira man o que é participar nun coworking e poderán facer preguntas. A entrada está limitada a 20 persoas, e poderán reservarse de balde na web do Espazo A Proa.
A finalidade desta proposta é que as persoas asistentes poidan resolver dúbidas sobre o funcionamento e o traballo nun coworking, á vez que coñecen as instalacións da Proa, inauguradas o pasado mes de novembro.
Como dixemos, o invitado principal é Gustavo Marcos Cancelas, director executivo da incubadora de empresas da Universidade de Santiago de Compostela, Uninova. É licenciado en Ciencias Físicas e conta cunha mestría en Administración de Empresas, ademais de ter experiencia en mercadotecnia e I+D en empresas como Cortizo ou Caixanova.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “durante os vindeiros meses o centro colaborativo A Proa vai a desenvolver un programa específico de actividades”. Dita programación comeza o vindeiro 3 de marzo co obradoiro denominado Coworking Days: descubre o mundo de vantaxes do coworking, a cargo de Gustavo Marcos Cancelas.
A Proa é un espazo de traballo colaborativo que ten como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. En instalacións coma esta, persoas autónomas e emprendedoras comparten espazos, fomentando así as sinerxías, a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade. Localízase na entrada do parque empresarial Novo Milladoiro. O local, de 400 metros cadrados, conta con 36 postos de traballo, tres salas de xuntas, aulas de formación e eventos, unha zona de recepción, outra de reprografía, de descanso, aseos e un vestíbulo. O espazo pertence á Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña.
O Coworking A Proa acolle este xoves 3 de marzo o seu primeiro obradoiro presencial
Compartir Este Artigo

