Tras o éxito das retransmisións en directo a través de Twitch relativas ao Benidorm Fest e á participación no certame das Tanxugueiras, a CRTVG continúa a apostar por este tipo de iniciativas e anuncia que realizará unha cobertura semellante do Festival da Canção, co que a RTP escollerá a súa representación para o Festival de Eurovisión.
A canle de Twitch da CRTVG retransmitirá as semifinais do festival portugués os días 5 e 7 de marzo, e a súa grande final, que terá lugar o día 12, poderase seguir tamén a través da G2, participando nas 3 emisións Esther Estévez e Rodrigo Paganelli, quen xa formaban equipo no #ApuntamentoLusófono do #DígochoEu.
Confían en que estas retransmisións volva ter unha boa acollida entre a comunidade eurofán, á vez que tamén axude a consolidar a relación existente entre a TVG e a RTP, canles de televisión que nos últimos anos colaboraron en programas especiais e incluso en producións audiovisuais de ficción.
O Festival da Canção poderase seguir a través do Twitch da CRTVG
Compartir Este Artigo
