O Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI), dependente do Goberno central, publicou este 24 de febreiro un informe quen pon de manifesto a importancia de dar pasos firmes e relevantes para converter a Internet nun lugar seguro para todas e todos, poñendo o foco nas novas xeracións e nas persoas maiores e na súa formación para mellorar o uso que lle dan ás tecnoloxías. O informe Beneficios e riscos do uso de Internet e as redes sociais aborda as posibles vantaxes e ameazas do uso das tecnoloxías dixitais, ademais dos seus futuros efectos na saúde mental. No estudo dise que o ciberacoso é un dos maiores perigos percibidos por oito de cada dez persoas.
Dous de cada tres internautas ven tanto beneficios como riscos no emprego das tecnoloxías e as redes sociais. A percepción varía en función do xénero; as mulleres son máis críticas que os homes.
Segundo a ocupación e idade, as opinións tamén son distintas. O 21% da poboación pensionista ou xubilada ve beneficioso o uso da tecnoloxía, mentres que só un 7% das persoas menores de 25 anos creno. Aínda así, para gran parte da poboación usuaria de Internet, “un bo emprego das tecnoloxías será beneficioso”. No estudo dise que un 90% permite acceder con facilidade a novos coñecementos e aprendizaxes e para o 82%, as tecnoloxías contribuirán a mellorar a comunicación interpersoal.
A investigación fai saber que o ciberacoso é o risco que preocupa a oito de cada dez persoas. Ademais, o 59% cre que os e as menores de 16 están máis expostos. Un dato ao que se suma a que un 48% considera que os e as menores de 16 anos son os que peor distinguen a realidade da ficción e sinalan o perigo que hai niso.
A aparición de novas adiccións á tecnoloxía é o que máis preocupa. Un 88% considera que poderían seguir xurdindo máis e novas nos próximos anos. Hoxe, un 40% mantén que as tecnoloxías xa provocan perda de noción do tempo e o 43% que afectan á calidade do soño.
Diferenciando por xénero e idade, a investigación sinala que o 90% das mulleres cre que a xeración de trastornos sociais é o principal perigo das novas tecnoloxías.
Ante o aumento da preocupación que xera o uso indebido das novas tecnoloxías e as redes, o informe reflicte unha crecente demanda por unha regulación que mellore a experiencia en Internet. Así, dúas de cada tres persoas enquisadas ven necesaria unha lexislación específica que regule o uso de redes sociais. Algo que comparte o 80% de maiores de 65 anos e o 37% das menores de 25. Con respecto a quen debe liderar esta regulación, o 77% opina que son as compañías e un 66% sinala que as Administracións Públicas deben adoptar medidas.
Oito de cada dez persoas ve no ciberaocoso un dos principais perigos da Rede
Compartir Este Artigo

