A UNED Ourense confirmou que vai ofrecer novamente o Curso de Introdución á Computación Cuántica, que chegará á súa terceira edición entre os días 7 de marzo e 20 de abril. Todas as sesións serán en liña e as persoas matriculadas recibirán unha ligazón para que poidan seguir ditas sesións. Serán, segundo informa a UNED Ourense, 25 horas en rigoroso directo e outras 5 horas de traballos a realizar. Trátase dun curso básico de introdución á computación cuántica e algúns conceptos de información cuántica.
Entre os contidos figura unha introdución aos conceptos de álxebra lineal e mecánica cuántica necesarios para afrontar o programa. O relator será José Luís López Fernández, coordinador tecnolóxico de UNED Ourense, doutor en Química Cuántica, enxeñeiro informático; licenciado en Físicas e Catedrático en Tecnoloxía informática no Ensino Secundario e Formación Profesional.
A matrícula é online e costa 55 euros, sendo de 45 euros para os estudantes da UNED e outros estudantes. As persoas desempregadas abonarán 35 euros.
O obxectivo fundamental do curso é difundir as técnicas de computación cuántica para principiantes. Segundo avanza a UNED Ourense sobre a importancia dos contidos desta acción formativa, a computación cuántica prevese que se converta nunha alternativa complementaria á computación clásica para a resolución de problemas en áreas como química, física, Intelixencia Artificial, finanzas etc.
A UNED Ourense achega a terceira edición do seu curso sobre computación cuántica
Compartir Este Artigo

