Dar apoio á cooperación entre os organismos de coñecemento galegos e o tecido empresarial co gallo de promover actividades investigadoras, de innovación e desenvolvemento aliñadas cos retos estratéxicos da Estratexia RIS3 de Galicia é a finalidade que persegue a nova convocatoria do programa de Unidades Mixtas de Investigación á que destina 12M€ a Xunta, así se publicaba este luns 7 de marzo no Diario Oficial de Galicia.
Emporiso, con esta nova convocatoria, aberta dende mañá deica o 7 de abril, agárdase apoiar arredor de 10 unidades, crear ou manter 95 postos de traballo e mobilizar un investimento público-privado de 30M€.
Como novidade, sinalar que ás dúas liñas existentes -unidades mixtas de nova creación e de consolidación-, súmase unha terceira: centros mixtos de investigación, que teñen como obxectivo dar estabilidade ás unidades consolidadas nas convocatorias dos anos 2017 e 2018. Deste xeito, contribuirán ao aumento da competitividade e expansión internacional das empresas participantes á vez que se xera coñecemento científico-técnico de excelencia e se mantén o emprego cualificado creado.
Desta volta, subliñan que se deberá manter a composición das unidades da fase de consolidación
-aínda que as constituídas inicialmente por un organismo e unha empresa poderán incorporar unha segunda compañía do mesmo grupo sempre que exista unha complementariedade xustificada-. Outro requisito é que o centro de traballo ten que estar en Galicia sendo o orzamento mínimo do proxecto de 3,5M€.
Dende a posta en marcha deste programa, en 2014, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación apoiou con 39 millóns de euros un total de 46 unidades mixtas que mobilizaron 130M€. Con estas iniciativas creáronse 695 postos de traballo, contribuíuse a varios aspectos como: ao impulso da transferencia de I+D+i ao tecido empresarial galego, á captación de empresas foráneas a Galicia, ao desenvolvemento das capacidades dos organismos de investigación galegos en sectores punteiros e á mellora da competitividade das empresas.
De feito, o programa está permitindo a chegada de firmas foráneas, xa que o 39% das unidades mixtas están constituídas por compañías con domicilio social de fóra da Comunidade; e ao mesmo tempo está permitindo impulsar a participación de PEME galegas. Até o de agora formaron parte deste programa 33 empresas -28 multinacionais- e 13 centros de coñecemento que cos seus proxectos están posibilitando que se avance en sectores estratéxicos para Galicia.
A nova convocatoria de unidades mixtas de investigación da Xunta abre o prazo de solicitudes
Compartir Este Artigo

