Dende Google presentan hoxe 12L, unha actualización para Android 12 que incorpora funcionalidades que principalmente buscan facer que as tabletas e os smartphones encartables poidan ser máis doados de utilizar.
Android leva moitos anos no mercado, pero en todo este tempo non soubo adaptarse debidamente ás pantallas de grande tamaño, de aí que moitos fabricantes (e a propia Google) abandonasen a comercialización de tabletas, pero nos últimos meses están a darlle máis oportunidades a este formato de dispositivo, e puidemos ver como Xiaomi volveu a vender tabletas e compañías como Oppo e Realme tamén entraron neste mercado, probablemente anticipando que as tabletas con Android ían volver contar con apoio por parte de Google.
Como exemplo das novidades de 12L temos optimizacións da pantalla, de xeito que a pantalla de inicio, a pantalla de desbloqueo, os menús de configuración e moitos outros elementos adoptan unha nova disposición para aproveitar o tamaño de pantalla das tabletas, principalmente repartindo o contido en columnas, o que permite amosar moita máis información en pantalla.
Tamén se engade unha barra de tarefas para facer máis doado o salto entre aplicacións ou o uso da pantalla partida, potenciando así que realicemos varias operacións a un mesmo tempo, como pode ser ver un vídeo mentres lemos as novas ou buscar establecementos na web mentres vemos a zona á que queremos desprazarnos en Google Maps.
Ao longo do presente ano 12L chegará a tabletas e encartables de Samsung, Lenovo e Microsoft, e estamos só ante un primeiro paso do que achegará Android 13 e posteriores aos dispositivos con pantallas de grandes dimensións.
Google recupera a confianza nas tabletas con 12L
Compartir Este Artigo
