
O proxecto, que acaba de ser presentado nunha xornada en Tecnópole de Ourense, é, como dixemos, froito do traballo conxunto liderado por Galvintec, firma TIC do Grupo Alvariño, xunto a Amodo Soluciones (empresa do Parque Tecnolóxico de Galicia) e SIMER-Grumerosa. Trátase dunha das contribucións seleccionadas no Programa Conecta Hubs da Xunta de Galicia e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), dirixido a promover accións colaborativas entre empresas nas áreas de especialización dos hubs de innovación dixital estratéxicos para a comunidade.
Segundo reflectiu a Tecnópole, SmartGecko posibilita sacar o máximo rendemento á capacidade loxística como factor crucial para dar resposta ao crecemento das operacións comerciais, sen acometer novos investimentos en espazo de almacén. Para iso, o software optimiza o sistema de xestión de almacén (SGA) ao longo de toda a cadea de tarefas que implica a xestión de ordes de pedido e o proceso de picking (a recollida e combinación de cargas que conforman o pedido dun cliente). Así, dende que se recibe un pedido, sexa por venda na canle dixital ou pola canle física, “SmartGecko é quen de administrar á perfección os recursos loxísticos da empresa, eliminando eivas de eficiencia”, engadiron fontes da Tecnópole, salientando tamén unha das grandes características do software en cuestión: o seu sistema de escaneo de mercadoría que permite a súa distribución desde o primeiro momento á canle de saída (stock, pedidos de canle física ou canle en liña). “Desta forma, evítanse movementos innecesarios de produtos no almacén, e conséguese o aproveitamento máximo da superficie loxística e do tempo do persoal encargado destas operacións, coa consecuente mellora nos custos”, explicou o Parque Tecnolóxico de Galicia.
En canto ás mercadorías en stock, a solución posibilita a localización e xestión de artigos “dentro dun modelo de almacén caótico”, un marco de traballo no cal a organización das localizacións non se realiza de forma ordenada. “O noso sistema permite coñecer a localización exacta de cada artigo e, unha vez recibidos os pedidos a xestionar, deseña automaticamente un percorrido ordenado de picking para a preparación dos mesmos, aforrando desprazamentos e tempo”, detalla Anatolii Berelet, líder do proxecto.
A terceira grande innovación que ofrece este software busca liberar as mans das persoas asignadas ao picking, descargándoas das tarefas de rexistro que poden automatizarse, e logrando unha maior precisión e axilidade na recollida de produtos, con menor esforzo, maior ergonomía e liberdade de movementos.
Dispoñible unha solución galega que converte os almacéns de mercadorías en espazos intelixentes
Compartir Este Artigo

