Co gallo do 37º aniversario da Radio Galega, a emisora pública estrea mañá novo estudio multimedia co que buscan fornecer a súa aposta multiplataforma, facilitando que a radio poida tamén consumirse en imaxe na súa páxina web, na canle de YouTube da TVG e a través de Facebook Live.
Deste xeito, os programas da Radio Galega poderán emitirse en directo ou en diferido pola TVG ou en calquera das canles dixitais da CRTVG con calidade broadcast dende un espazo creado a tal efecto, o que supón un grande salto de calidade sobre o que se estaba a facer nos últimos meses (emitir por televisión unha cámara fixa enfocando de xeito fixo un estudio de radio).
O novo estudio tamén está acondicionado para a emisión ou gravación de concertos, para acoller público e para atender proxectos en novos formatos que combinen audio e imaxe.
A estrea do novo estudio será ás 10:00 horas no programa Galicia por diante, no que farán un repaso á historia da emisora, conversarán coa xefa de programas da emisora e co deseñador do novo estudio e incluso contarase cun faladoiro con profesionais de todas as emisoras en Galicia, que conversarán sobre o futuro da radio e a importancia da Radio Galega no sistema de medios galego.
Outros programas que farán uso deste estudio será A Crónica ás 22:00 horas e Pensando en ti (de 1:00 a 6:00 horas), destacando o feito de que o programa A Bóla Extra pasará a producirse unicamente neste novo estudio (actualmente combinaba o estudio de radio cun estudio de televisión).
A Radio Galega estrea estudio multimedia
Compartir Este Artigo
