Numerosas canles de YouTube de celebridades como Travis Scott, Eminem, The Weeknd, Daddy Yankee, Justin Bieber, Drake ou Lil Nas X poderían ter estado comprometidas esta mañá, cando un grupo que responde ao nome de Los Pelaos reivindicou ter publicado nas mesmas un vídeo no que se amosa ao polémico estafador Paco Sanz cantando cunha guitarra, nunha especie de broma viral baixo o cancelo #FreePacoSanz.
Polo momento descoñécese en que consistiu o fallo de seguridade que permitiu esta falcatruada, dando a impresión de que este tipo de actividades só buscan a burla. Actualmente ningunha das contas de YouTube supostamente vulneradas presenta vídeos publicados irregularmente.
ACTUALIZACIÓN (6-4-2022): Dende Vevo recoñecen a vulneración da seguridade das canles de YouTube de numerosas estrelas do mundo da música que sumaban centos de milleiros de seareiros, dando a entender que non se tratou dun fallo de seguridade de YouTube, senón dun problema de seguridade de Vevo, compañía que xestiona as canles afectadas, e que asegura que resolveu o incidente e estar a reforzar a súa seguridade.
