A Rede galega vai conmemorar con diferentes contidos dixitais e actividades o Día Europeo das Linguas, este 26 de setembro. Por exemplo a través da serie audiovisual en galego De aquí para alá, presentada este mércores 14. Trátase dun proxecto dirixido ao público infantil, familiar e docente, concibido para achegarnos ao outras culturas e linguas dende o galego. O secretario xeral de política Lingüística, Valentín García, participou na presentación deste proxecto didáctico musical, creado pola pedagoga da Linguaxe e a Educación Musical Lydia Botana.
A serie inclúe 14 episodios que contan a historia dunha bolboreta que vai polo mundo na procura de algo que faga feliz ó seu novo amigo Gali, un neno que vive en África e está moi triste. O proxecto conta con 21 cancións acompañadas de animacións e coreografías para bailaren os nenos, uns temas que nos levan nunha viaxe musical polo mundo para coñecermos os seus instrumentos e as súas melodías (jazz, rap, samba, reggae, ska, clásica, tradicional balcánico e galego, pop, etc.).
As cancións están gravadas por Lydia Botana, que canta e toca máis de 30 instrumentos musicais diferentes, e conta cunhas colaboracións estrelas nalgunhas pezas coma seu pai Vitín na guitarra eléctrica, Xabier Díaz nas percusións, Javier Cedrón ao violín, Guilhem Lacadée na trompeta e Pedro Lamas ao saxofón soprano. Todos os capítulos, dispoñibles ao público, iranse subindo cada mércores pola mañá ata completar os 14 totais no Portal da Lingua Galega.
No Portal da Lingua a serie de Lydia Botana para celebrar o Día Europeo das Linguas
Compartir Este Artigo

