A Unidade de Igualdade da UVigo presentou a nova axenda de actividades do seu Itinerario Formativo Virtual en Xénero, unha iniciativa para afrontar as necesidades de formación en xénero, reforzando o obxectivo da institución académica de converterse nun referente social en igualdade e formación tecnolóxica. A nova convocatoria vén con 19 cursos artellados arredor de cinco grandes áreas temáticas.
O programa aborda temáticas que van dende unha reflexión sobre as novas masculinidades ou a pornografía ata a relación entre xénero e tecnoloxías emerxentes, a corresponsabilidade ou o acoso sexual. A formación é completamente virtual, en modalidade asíncrona, e a duración de cada programa varía entre 15 e as 40 horas.
O prazo de matrícula está aberto ata o vindeiro 12 de outubro para todos os membros da comunidade universitaria e tamén para a cidadanía en xeral a través de Bubela. Os cursos pódense realizar ata o 28 de novembro de 2022.
Cinco grandes áreas temáticas
Os cursos do itinerario están agrupados en cinco temáticas, que van dende a introdución á formación en xénero; a educación sexo-afectiva; ciencia, tecnoloxía e xénero; políticas de igualdade e novas reflexións sobre o sexo/xénero.
O primeiro bloque, de carácter introdutorio, comprende catro cursos: introdución á perspectiva de xénero; economía de xénero; a comunicación e o xénero e a perspectiva de xénero na educación.
No bloque dedicado á educación sexo-afectiva impartiranse dous cursos, un sobre educación afectivo-sexual e outro titulado Pensar o amor no século XXI. O terceiro bloque de cursos que aborda a relación entre ciencia, tecnoloxía e xénero, comprende catro formacións sobre a dimensión de xénero nos proxectos de I+D+i das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación); as mulleres e ciencia; a inclusión da perspectiva e a análise de xénero/sexo na investigación e a innovación e a Intelixencia Artificial e xénero.
O bloque sobre políticas de igualdade tamén contempla catro cursos, un sobre normativa básica de xénero; outro sobre acoso sexual e acoso en función do sexo; outro sobre sustentabilidade da vida e a conciliación e corresponsabilidade e un cuarto sobre políticas públicas de igualdade.
Finalmente, no quinto bloque abordaranse as novas reflexións sobre o sexo e o xénero a través de cinco formacións: xénero e o sexo no século XXI; novas masculinidades; pornografía; prostitución no marco do capitalismo neoliberal e deconstrución do discurso prehistórico dende o feminismo
Este itinerario conta cun equipo de docentes que son referentes nos seus respectivos eidos,, tanto da Universidade de Vigo como doutros centros do ámbito estatal.
Como persoal externo impartirán docencia Laura Seara, ex-directora xeral do Instituto de la Mujer (2009-2011) e ex-secretaria de Estado de Igualdade do Goberno de España (2011) e hoxe consultora de Red Talento; Jorge García Marín, profesor da USC; Mónica Alario, experta en Estudos Interdisciplinares de Xénero; Isabel Menéndez, profesora da Universidade de Burgos; Carmen Ruiz, profesora da Universidade de Granada; María Luísa Abad, profesora da Universidade de Barcelona; Mercedes (Chis) Oliveira, coordinadora da Comando Igualdade; Encina Calvo, docente da USC; Capitolina Díaz, profesora da Universidade de Valencia; Amparo Alonso, investigadora da UDC; Rosa Cobo, profesora da UDC e Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade.
Por parte da UVigo, participan como docentes nestes cursos as profesoras Inmaculada Valeije, Yolanda Rodríguez, Emma Rodríguez, Beatriz Suárez Briones, Andrea Mouriño, Beatriz Comendador, Carmen Pérez Maestro, Xulia González Cerdeira, María Mercedes Álvarez Lires, Iria Vázquez Silva, Amada Traba, Soledad Torres, Nieves Lorenzo, Amelia Verdejo, xa xubilada, e María de los Ángeles Villar Lemos, técnica de Formación e Innovación Educativa da UVigo.
O novo Itinerario Formativo Virtual en Xénero da UVigo vén cunha vintena de cursos abertos
Compartir Este Artigo

