A fundación FEUGA bríndanos este outono un curso de gran interese para os profesionais que estean ou vaian estar en contacto coa información a gran escala, o que se vén chamando Big Data. Trátase do curso Power BI: Analítica de datos e reporting, que ten o obxectivo de facernos descubrir as posibilidades da intelixencia empresarial en materia de competitividade, rendibilidade, eficiencia e crecemento empresarial.
“O curso permitiranos mellorar a xestión na nosa empresa”, sinalan dende FEUGA, poñendo o foco no actual contexto de transformación no que estamos mergullados: un contexto no que se van crear en poucos anos millóns de postos de traballo altamente especializados. “Neste novo escenario, os profesionais con coñecementos en Intelixencia Artificial, Business Intelligence, Big Data, Deep Learning ou Internet of Things serán algúns dos máis demandados”, sinala a fundación, lembrando que Power BI é o “líder indiscutible” do mercado da intelixencia de negocios, cun 36% de cota de mercado.
Nesta formación revisaranse de maneira práctica os conceptos involucrados no uso desta potente ferramenta: a carga e transformación dos datos (os chamados procesos ETL) incluíndo unha introdución á linguaxe M, a creación de visualizacións e informes, e a súa publicación e compartición con terceiros. Ademais, realizarase unha introdución ao uso da linguaxe modelada de datos DAX para a creación de campos e métricas personalizadas.
O curso terá 16 horas de formación e celebrarase os días 26 e 28 de outubro e 2 e 4 de novembro, en horario de 9:30 a 13:30 horas. A data límite de inscrición é o 21 de outubro.
FEUGA achega entre outubro e novembro un curso de intelixencia de datos centrado en Power BI
Compartir Este Artigo

