Prosegue o inxente traballo abeirado á misión especial Gaia da Axenda Especial dirixido a crear o mapa máis exhaustivo e completo da Vía Láctea de cantos se teñen elaborado. Neste labor colabora arreo o Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, cuxo persoal lidera a participación galega en Gaia. Sen ir máis lonxe, a sede do CITIC acolleu a xuntanza plenaria da Unidade de Coordinación 8 (CU8) da misión impulsada pola Axencia Espacial Europea. Segundo fixeron saber, prevese que o próximo catálogo que se publique inclúa as posicións, o movemento e as características físicas de 2.500 millóns de estrelas, e conteña tamén os datos obtidos nas 70 veces que de media o satélite ten pasado por cada obxecto da nosa Galaxia.
“Isto supón que o volume do cuarto arquivo de Gaia, o DR4, será unhas 50 veces maior que o publicado o pasado mes de xuño e achegará unha versión tremendamente mellorada destes parámetros estelares”. Así o explicaron Minia Manteiga e Carlos Dafonte, investigadores da área de Intelixencia Artificial do CITIC, Uwe Lammers, Gaia Mission Xestor e Orlagh Creevey, xestor da Unidade CU8, tras o encontro mantido recentemente na sede do centro coruñés.
A reunión plenaria da Unidade de Coordinación 8 (CU8) do consorcio europeo DPAC para o procesado de datos da misión espacial Gaia reuniu a máis de 40 investigadores de 20 entidades europeas e permitiu examinar os puntos nos que se pode mellorar aínda máis o traballo feito para a terceira publicación dos datos de Gaia o pasado mes de xuño, a denominada DR3. Así mesmo, puidéronse establecer as prioridades e organizar o traballo ata 2025, data prevista para a conclusión do proxecto. Neste punto, os investigadores explicaron que foi posible avanzar de cara á cuarta publicación de datos de Gaia, chamada DR4, prevista para dentro de dous anos, que segundo sinalan “eclipsará aos anteriores conxuntos de datos tanto en tamaño como en complexidade e estenderá aínda máis o impacto científico da misión”.
O grupo CU8 que se reuniu a pasada semana no CITIC é o responsable de determinar as características físicas das estrelas, a temperatura, a composición, o tamaño e a masa, entre outros parámetros. “Os catálogos de datos de Gaia publicados ata o momento son un gran éxito para a Axencia Espacial Europea e o consorcio europeo responsable do procesado de datos”, explicaron os participantes, engadindo que este consorcio (DPAC) está formado por 450 científicos e enxeñeiros de máis de 20 países e máis de 100 universidades e institutos.

A creación do máis revolucionario e exhaustivo mapa da Vía Láctea colle impulso no CITIC
Compartir Este Artigo

