A semana pasada o CITIC converteuse no gran referente galego e e estatal en materia de novo talento investigador tecnolóxico. Foi grazas á celebración do Congreso XoveTIC, que organizou o Centro de Investigación TIC da UDC por quinto ano consecutivo, xuntando unha parte moi relevante do persoal investigador mozo de España e Portugal que traballa no ámbito das novas ferramentas. O resultado foi que máis de 50 proxectos de Intelixencia Artificial, análise da información a gran escala (Big Data), computación de altas prestacións (High Performing Computing), servizos e redes intelixentes e ciberseguridade déronse a coñecer neste encontro, tanto en formato de comunicación oral como póster.
O obxectivo foi promover o “intercambio de experiencias e coñecementos nun ambiente distendido, que fomenta a colaboración”, segundo destacou o director do centro, Manuel F. González Penedo.
Nesta edición, na que se retomou a presencialidade tras dous anos celebrándose en liña debido á pandemia, tivo un especial protagonismo a elevada participación de investigadoras e investigadores da UDC, arredor dun 70 %, complementada con traballos doutras universidades españolas, a de Alcalá de Henares e a de Sevilla; e mesmo o carácter internacional, con presenza de proxectos de universidades do norte de Portugal.
Premios
O congreso XoveTIC recoñece anualmente, con axuda económica, os cinco proxectos máis valorados polo comité científico en áreas ou liñas de alto interese e impacto social. Este ano, os traballos premiados, con atención á saúde de persoas discapacitadas e á educación infantil, foron os seguintes:
–Low-cost, scalable IoT technology for real-time streaming network auditing, de Pedro Fernández-Arruti da UDC, entregado polo Clúster TIC de Galicia, sobre tecnoloxía evolucionable e adaptable de baixo custo para a auditoría de redes de transmisión en tempo real.
–Testing and Analysis of Self-Sovereign Decentralized Digital Identity Technology, de Pablo Santos da UDC, sobre análise de tecnoloxía de identidade dixital, patrocinado polo CPEIG.
–Smart bracelet for anxiety, de persoal investigador da Universidad de Sevilla, encargado de presentar un modelo de pulseira intelixente para a ansiedade.
–Assessment of selective attention in children through Digital Teddy: preliminary study, proxecto centrado en atención selectiva en nenos, de Irene González Eiroa da UDC e patrocinado polas cátedras institucionais vinculadas á Facultade de Informática da UDC.
-E, por último, o proxecto sobre un robot asistente en procesos de rehabilitación para persoas con discapacidade Assistant Robot for Gait Rehabilitation in People with Disability, entregado pola Fundación CITIC de Galicia a Manuel Lagos da UDC.
Colaboracións
O encontro, orientado á busca de talento investigador novo no eido das TIC, conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Facultade de Informática da UDC, a Universidad de Oviedo, a Universidad Politécnica de Madrid, a Universidade de Porto e AtlantTIC da Universidade de Vigo. Os premios están financiados polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Clúster TIC de Galicia, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Fundación CITIC de Galicia e as cátedras institucionais da Facultade de Informática (Cátedra Aldaba WIB, Cátedra NTT Data en Diversidade e Tecnoloxía, Cátedra R en Ciberseguridade e Cátedra CICAS).
XoveTIC 2022 premia cinco novos e puxantes proxectos dos nosos novos investigadores
Compartir Este Artigo

