A Adega Castrofiz de Chantada acolleu esta semana a presentación da tecnoloxía XGSPON 10 GB, destinada a fornecer ao rural de fibra óptica e asegurar nestas contornas a Internet de alta velocidade. No acto, do que avanzamos detalles este martes 11, participou a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, que explicou que na provincia de Lugo “temos un rural vivo e cheo de iniciativas capaces de dinamizar a economía, xerar emprego e fixar poboación con empregos sustentables e de calidade”, pero fixo fincapé en que “necesitamos servizos”.
Segundo dixo, “na Deputación de Lugo sempre dicimos que para que haxa xente no rural, ten que ter os elementos básicos para que as persoas poidan desenvolver os seus proxectos de vida, como sanidade, educación, servizos sociais ou Internet de calidade”. Urxen, dixo, “políticas que axuden a fixar poboación e que ofrezan á xente nova a posibilidade de desenvolver os seus proxectos profesionais no mundo rural, porque o rural con vides e adegas será sempre un rural vivo, moderno, conectado co mundo. Un mundo ao que hoxe nos conectamos máis que nunca desde Internet”.
García Porto lembrou que o Goberno do Estado está a facer “un importante esforzo investidor nese sentido”. No que respecta a Internet, dixo, ten mobilizados 23,7 millóns de euros para estender a banda larga na provincia, e o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital lanzou en verán unha nova convocatoria de axudas con 12,3M€ para financiar proxectos en zonas que non teñen cobertura de redes de banda larga, nin previsión de recibilas nun prazo de 3 anos.
O proxecto
Segundo dixo, a tecnoloxía XGSPON 10GB supón un investimento que “permite a chegada de fibra óptica a fogares e oficinas a unha maior velocidade”, unha tecnoloxía impulsada por Orange en España que brinda unha velocidade de subida e baixada de datos simétrica e de maior capacidade. García Porto engadiu que a previsión é que esta tecnoloxía chegue ao milleiro de fogares durante 2022. “Trátase”, dixo, dun recurso pensado para unha conectividade maior a través dos distintos dispositivos como os teléfonos móbiles, as televisións ou os computadores, entre outros.
A Deputación de Lugo aposta pola Internet de alta velocidade para fixar xente no rural
Compartir Este Artigo

