O dispositivo Help Flash, desenvolvido pola empresa galega Netun co obxectivo de dotar aos condutores da máxima seguridade en situacións de avaría ou estacionamento forzoso, expándese a Portugal. Amais, a Dirección Xeral de Tráfico presentou recentemente esta iniciativa á Comisión Europea co obxectivo de estender a súa implantación ao resto de estados membros. Fíxoo no marco da Reunión do Grupo de Alto Nivel sobre Seguridade Viaria do organismo celebrada en Bruxelas.
Porén, Portugal foi un dos primeiros países en mostrar interese no potencial destas luces V16 para reducir sinistros. Help Flash, de feito, xa está dispoñible nas tendas de Carglass, Norauto, E Corte Inglés, Amazon e maís marketplace de Worten do país veciño; así como a través da versión portuguesa da páxina web de Help Flash.
Dende setembro de 2016
En setembro de 2016, a empresa Netun Solutions comezou a revolucionar o mercado español da seguridade nas estradas cun dispositivo de seu destinado a rematar cos riscos dos triángulos de sinalización de avarías. A firma, que daquela collía impulso no centro de crowdworking de Telefónica e AMTEGA na Cidade da Cultura (Galicia Open Future), adquiriu plena repercusión cunha baliza luminosa de sinalización de emerxencias chamada Help-Flash, cuxa principal vantaxe reside na redución do tempo da manobra de advertencia, que pasa de ser de 8 minutos, aproximadamente, a ser de 30 segundos.
Unha luz para salvar vidas
Help Flash é un equipo de sinalización luminoso que advirte dunha emerxencia na estrada sen necesidade de saír do vehículo. “A súa importancia”, explican dende a firma viguesa Netun, “vén dada polo grave perigo que supón colocar os triángulos de emerxencia, sobre todo de noite ou en situacións de visibilidade reducida”. De feito, a súa instalación é inmediata: abonda con colocalo sobre calquera superficie metálica para que se active de xeito automático, e tamén se pode facer de forma manual. O dispositivo, que se alimenta dunha pila, emite escintileos de luz ámbar visibles ata un quilómetro de distancia en condicións de baixa luminosidade. Así mesmo, conta cunha luz branca adicional para que poida ser empregado como lanterna.
A tecnoloxía galega Help Flash espállase en Portugal
Compartir Este Artigo

