A Deputación de Pontevedra, a través do programa de capacitación tecnolóxica e transformación empresarial SmartPEME, oferta seis novas formacións impartidas de xeito online. As accións tratarán temas como antivirus e actualizacións de software, mercadotecnia con influencers, optimización de web, financiamento bancario, organización de citas ou programación.
Este luns 24 de outubro, Manuel Freire, experto en robótica, programación e impresión 3D, será ou encargado de impartir o curso Ciberseguridade, antivirus e actualización do software. O obxectivo deste obradoiro é dar a coñecer dúas das contramedidas básicas que debemos ter en conta para protexernos no ámbito dixital: a necesidade de termos o software actualizado para corrixir vulnerabilidades e a utilización e elección dun antivirus, cal e porqué.
O martes 25 haberá 2 cursos: Como facer campañas de mercadotecnia con influencers e Iniciación ao SEO II: optimiza a túa páxina web para gañar visibilidade. O primeiro destes talleres desenvolverase na quenda de mañá e estará instruído por Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas. O obxectivo desta formación é mostrar a figura do influencer nas redes sociais como elemento clave para incrementar vendas e medrar na comunidade. O segundo obradoiro está dedicado ao SEO e tratará sobre os factores externos que afectan ás páxinas webs e que inflúen no seu posicionamento, ademais de coñecer as mellores prácticas SEO e a forma de medilas con analítica web.
O mércores 26 de outubro na quenda de mañá, a Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, Paz Ares, guiará o obradoiro Produtos de financiamento bancario para a túa idea de negocio, unha formación sobre os produtos existentes para poder emprender con axuda das entidades financeiras. O taller inclúe unha sesión na que se exporán as distintas opcións de financiamento, así como consellos para entender o seu funcionamento e aprender a saber cal é o produto idóneo en función das necesidades en cada momento. Pola tarde a licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, Fátima Faílde, impartirá unha formación para axudar a organizar mellor o tempo e conseguir máis produtividade, utilizando ferramentas en liña que axuden a automatizar os procesos de calendarización de citas no curso: Apps para axenciar citas no teu negocio.
Finalmente o xoves 27 impartirase o taller Programación con Arduino I. Teórico III. Este curso forma parte dun itinerario que ten como obxectivo o de iniciarse e adquirir soltura cunha das linguaxes de programación máis populares actualmente como é Arduino, mediante talleres teóricos en liña e talleres prácticos para experimentar o aprendido. Esta formación componse de 4 obradoiros, 3 deles teóricos online e un cuarto taller práctico presencial de 4 horas. O curso será impartido, de novo, por Manuel Freire.
SmartPEME enfía a recta final de outubro con media ducia de obradoiros
Compartir Este Artigo

