Vigo é estes días o máximo referente estatal en materia de industria espacial, grazas á segunda edición de New Space España, que baixo arrincou este xoves 27 baixo o lema O camiño cara ao liderado global. A xuntanza reúne a máis de 200 profesionais e 90 empresas do sector, que abranguen toda a cadea de valor, desde fabricantes de satélites a fornecedores de subsistemas, lanzadores, institucións públicas, investidores e outros actores relevantes. O congreso terá este venres 28 o seu colofón coa segunda e última xornada.
Nun intenso primeiro día, dentro dun programa de conferencias e mesas redondas que conta coa participación de máis de 35 relatores, analizáronse os principais proxectos de constelacións de satélites vinculados á marca España e as enormes capacidades das que dispón o sector do New Space español para xogar un papel destacado na industria espacial europea e global.
A ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, foi a encargada de realizar a apertura do evento cunha intervención por vídeo na que destacou a consolidación das empresas españolas do sector, “a pesar da pandemia e a guerra de Ucraína”. Na súa mensaxe, enumerou as diferentes medidas orientadas a apoiar a industria do New Space en España, entre elas a PERTE Aeroespacial ou o programa Innvierte, ademais de facer referencia á creación da Axencia Espacial Española. Diana Morant despediu a súa intervención co desexo de que se poida “configurar unha robusta cadea de subministración que faga do noso país un centro de referencia de innovación espacial en Europa”.
Logo, Guillermo Lamelas, conselleiro delegado de Alén Space, e David Regades, delegado do Estado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, deron a benvida aos asistentes. Lamelas destacou as virtudes e avances do sector desde que se celebrou a primeira edición no ano 2018, “un período de catro anos no que a industria espacial mudou radicalmente”. O conselleiro delegado de Alén Space quixo facer especial énfase en convidar a todos os actores da industria a “unir forzas e colaborar ante os retos e oportunidades” que veñen, ademais de aproveitar as vantaxes estratéxicas que ten España.
Na primeira mesa redonda, O espazo como motor de crecemento, representantes de Sateliot, Startical, Satlantis, GEOSAT e FOSSA Systems debateron sobre o estado de desenvolvemento e plans de impacto das constelacións de satélites máis importantes da industria española do New Space.
Na conferencia Os retos industriais do New Space español, a directora de tecnoloxía de New Space en Indra, Inmaculada Serrano, fixo fincapé “nas enormes expectativas” que ten a industria de satélites LEO (de baixa órbita) a nivel global e nacional, sen esquecer “os riscos que traen esas expectativas”..
A xornada matutina finalizou coa mesa redonda Cadea de subministración española para unha revolución, na que participaron algúns dos principais actores na provisión de servizos e tecnoloxías do sector espazo: Alén Space, Indra, UARX Space, PLD Space, Alter Technology e DHV Technology. Os relatores debateron sobre as medidas máis efectivas para atallar a crise mundial de fornecementos tecnolóxicos na industria espacial.
A sesión de tarde de New Space España 2022 comezou coa mesa redonda Oportunidades clave no Espazo europeo, moderada pola secretaria xeral de Ciencia e Innovación, Teresa Riesgo, e conformada por relatores de GMV, Deimos Space, Hispasat, o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) e a Axencia Espacial Europea (ESA). Teresa Riesgo, no seu papel de moderadora, explicou que “todos debemos facer un esforzo por dar a coñecer o traballo destas empresas ou startups e o beneficio que achegan á sociedade no seu conxunto”.
A última mesa redonda do día, Construíndo un sector estratéxico, contou coa representación da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Telespazio, CDTI, Alén Space e a Autoridade Portuaria de Vigo. O punto de común destas compañías e organismos é o seu amplo coñecemento, algunhas por receptoras e outras por emisoras, dos mecanismos necesarios para que as pequenas e medianas empresas do sector New Space saian adiante. A mesa redonda pivotou ao redor da idea de xerar un modelo de colaboración que acompañe á innovación espacial de principio a fin.
No peche de conferencias, Miguel Belló, comisionado para a PERTE Aeroespacial, expuxo as liñas xerais deste programa central para a transformación da industria aeroespacial española, que moverá máis de 4.000 millóns de euros en financiamento público-privada.
Como colofón final, a primeira xornada finalizou coa intervención de Francisco Conde, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, que remarcou que “actualmente Galicia acolle a máis de 70 empresas do sector espacial e buscamos seguir sendo atractivos de face ao futuro”.
Esta segunda edición de New Space España está organizada por Alén Space, empresa especializada no deseño, fabricación e operación de pequenos satélites. O congreso conta ademais con Indra e GMV como principais patrocinadores, aos que se une o apoio de institucións públicas como o Consorcio da Zona Franca de Vigo, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia e o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (AtlantTIC) da Universidade de Vigo; e o patrocinio de empresas de referencia na industria espacial, como HISPASAT, Alter Technology, DHV Technology, PLD Space, Satlantis, Fossa Systems, GeoSAT, Deimos e Telespazio.
Até 200 profesionais e 90 empresas do sector especial xúntanse ata este venres en Vigo
Compartir Este Artigo

