As persoas participantes na ruta gastronómica de tapas de Compostela, a ruta Santiago(é)Tapas, van poder facer as súas votacións co teléfono móbil, a través de códigos QR. Así o fixeron saber as entidades impulsoras do certame (o Concello a través de Turismo de Santiago e a Asociación Hostalaría Compostela), a través do cal ofreceranse durante dúas semanas e media (ata o día 13 de novembro incluído) 62 petiscos de 38 locais composteláns. Estes e outros datos foron achegados en rolda de prensa polo concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, e o presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez.
Thor Rodríguez foi o encargado de explicar as principais características desta edición, lembrando que por vez primeira “as votacións do público realizaranse a través de códigos QR, entregándose aos clientes no momento da consumición”.
As tapas dividiranse en dúas modalidades: tradicional e creativa, ambas cun prezo de entre 2 e 4 euros. Entre todas os petiscos presentados outorgaranse, mediante o voto ponderado do xurado profesional e do público, un premio á mellor tapa creativa e un premio á mellor tapa tradicional, dotados con 1.000 euros cada un; e un premio á mellor tapa maridada con viño e á mellor tapa maridada con cervexa, dotados con 500 euros cada un. A Asociación de Celíacos de Galicia entregará tamén un premio á Mellor Tapa sen Glute. Ademais haberá dous premios do público, á tapa creativa e á tapa tradicional, dotados con 700 euros cada un.
Nesta XIV edición do certame establecéronse seis rutas que se poden consultar tanto na web santiagoetapas.gal como no Tapasporte, á disposición desde o xoves nos locais participantes, na Oficina de Turismo de Santiago, na rúa do Vilar, e na sede de Asociación Hostalaría Compostela, na rúa Salvadas, 29.
Os premios tamén poden consultarse na dita web e inclúen entradas para o festival de cine Cineuropa, o mandil oficial do concurso, botellas de viño e de Áncora de Silleiro, vales para o Mercado de Abastos, abonos para o Obradoiro CAB e a SD Compostela e unha cea en A Maceta, local gañador da edición anterior do concurso.
As votacións das mellores tapas de Santiago poderán facerse a través de códigos QR
Compartir Este Artigo

