A Sala Leonardo da Domus da Coruña vai acoller este venres 4 de novembro a xornada de presentación da terceira edición do proxecto Talentos Inclusivos, impulsado polo CITIC da UDC e ASPACE Coruña para “fomentar vocacions científicas e tecnolóxicas entre o alumnado de Secundaria e Bacharelato e, á vez, dar visibilidade á diversidade funcional”. A xornada de presentación xuntará medio cento de persoas na Domus, entre estudantes, docentes, integrantes de ASPACE, investigadores e autoridades locais, autonómicas e estatais.
“Facilitar a integración tecnolóxica e social a través das TIC entre persoas con diversidade funcional” é o cometido principal do programa Talentos Inclusivos, promovido polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC e a Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE) Coruña.
Como dixemos, Talentos Inclusivos está orientado ao desenvolvemento, por parte de alumnado de Secundaria e Bacharelato, de solucións TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para persoas con diversidade funcional. Ata o momento participaron 11 centros educativos e 280 estudantes da provincia da Coruña.
Promovido polo CITIC e ASPACE Coruña, conta ademais co apoio do Consello Social da Universidade da Coruña, o Concello da Coruña, a FECYT do Ministerio de Ciencia e Innovación e a Xunta de Galicia.
O proxecto ten como se dixo o duplo obxectivo de fomentar as vocacións TIC entre o alumnado e, á súa vez, dar visibilidade á diversidade funcional. Para iso, en cada edición, créanse grupos de traballo colaborativos formados por usuarios e usuarias de ASPACE Coruña e estudantes de centros educativos da provincia, apoiados polo seu profesorado e persoal investigador do CITIC. Os/as usuarios/as de ASPACE Coruña propoñen diferentes retos tecnolóxicos, atendendo ás necesidades prioritarias que eles detectan, para ser solucionados por parte do alumnado.
Produtos de apoio con impresión 3D, acceso ao computador e ao móbil, comunicación, fogar intelixente, rehabilitación e ocio son as áreas de traballo nas que os alumnos desenvolverán ferramentas e solucións TIC concretas.
Premios
Ao longo da súa traxectoria, Talentos Inclusivos leva recibidos diferentes recoñecementos polo alcance, dimensión e obxectivos do proxecto. Destacan os concedidos polo CPEIG á Innovación Tecnolóxica no Ensino e pola Deputación da Coruña ás Boas Prácticas en Servizos Sociais, entre outros.
Medio cento de persoas participarán este venres na xornada de presentación da 3ª edición de Talentos Inclusivos
Compartir Este Artigo

