Ponte… nas Ondas!, a candidatura conxunta da Galicia e Portugal que aspira a entrar no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO, vén de superar o último trámite necesario previo á súa inscrición. O órgano de avaliación acaba de emitir informe favorable. A decisión tomarase no 17 Comité Intergubernamental que se celebrará en Rabat do 28 de novembro ao 3 de decembro. En total, catro candidaturas de todo o mundo aspiran a obter este recoñecemento. Para Galicia sería a primeira distinción nesta materia.
No informe, que xa está a ser analizado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, os examinadores felicitan aos responsables “por un arquivo ben preparado que destaca a participación”.
Ponte… nas Ondas (PNO!) naceu hai máis de 25 anos nas escolas de Salvaterra de Miño e Monção e desde entón non deixou de medrar. Co impulso da Asociación Cultural e Pedagóxica do mesmo nome, o seu obxectivo “é salvagardar o patrimonio cultural inmaterial na fronteira portuguesa-galega mediante a creación de espazos nos que o patrimonio pode practicarse e transmitirse ás xeracións máis novas”, indica o informe. Este modelo de ensinanza e preservación do coñecemento inmaterial bota man das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, nomeadamente da radio e do formato podcast, na súa aplicación. Precisamente, en opinión dos examinadores da UNESCO, “a combinación de radio, educación e patrimonio cultural é unha fórmula eficaz de salvagarda” nas escolas a ambos lados da fronteira galego-portuguesa.
Isto, afirman ,“permitiu que os mozos se impliquen nas súas propias tradicións” e “crea conciencia sobre a importancia do patrimonio cultural inmaterial”. Para logralo ao longo deste tempo concorreron factores como a formación do profesorado, a presenza de especialistas, o uso das tecnoloxías da información e os recursos radiofónicos.
Así mesmo, consideran que Ponte… nas Ondas! “fomentaría a paz e a cooperación entre sociedades de diferentes países”, especialmente en comunidades transfronteirizas en países en desenvolvemento. Por iso, opina que o modelo é exportable a nivel internacional.
Ponte… nas Ondas! vén da man da Asociación Cultural e Pedagóxica do mesmo nome co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística (Consellería de Cultura) e de cuxa colaboración teñen abrollado iniciativas como o Certame de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez (O Vello dos Contos) ou outras iniciativas que poñen o foco nas novas ferramentas dixitais.
A candidatura é unha candidatura conxunta de España e Portugal, presentada en marzo de 2021 e cuxa resolución coñecerase na sesión que o Comité Intergobernamental celebrará en Rabat do 28 de novembro ao 3 de decembro. “Agardamos que a resposta sexa positiva porque este recoñecemento suporía un gran impulso internacional para favorecer os lazos coa lusofonía”, afirmou recentemente o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez.
Ponte… nas Ondas supera o último trámite para entrar no Rexistro de Boas Prácticas da UNESCO
Compartir Este Artigo

