Adamo segue a achegar balances da súa actividade recente para levar fibra óptica avanza e Internet de alta velocidade aos nosos concellos rurais, poñendo o foco, tamén, nas previsións a curto, medio e longo prazo, e nas complexidades que este traballo implica. O balance foi achegado por Xavier Viladegut, co-fundador de Adamo, quen lembrou que a operadora fornecerá de fibra óptica a 33.000 familias rurais de Lugo antes de que acabe 2024. “Isto”, dixo, implica importantes dificultades, “xa que temos que entender que despregar fibra óptica en zonas rurais é ata 15 veces máis caro que facelo en cidades”. Díxoo no transcurso dunhas xornadas sectoriais.
Segundo explicou “levar Internet de alta velocidade ás vilas e aldeas, ás áreas apartadas ou peor comunicadas é un dos grandes desafíos no ámbito das comunicacións actuais e futuras. Con todo, estender esa infraestrutura non resulta tarefa sinxela cando aparecen vivendas diseminadas, orografía adversa ou instalacións obsoletas, entre outros aspectos”. Neses posibles escenarios, “o custo dispárase”, engadiu.
En Lugo
Tamén debullou, en termos máis concretos, un dos grandes desafíos da operadora para os dous vindeiros anos: instalar Internet ultrarrápida en preto de 33.000 vivendas do ámbito rural da provincia de Lugo, mediante subvencións e capital privado, antes de que conclúa 2024. Así vén estipulado no resultado provisional da segunda convocatoria do Programa ÚNICO-Banda Larga, financiado polo fondo Next Generation da UE e dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Traballar en 800 poboacións á vez
“A contorna rural é moito máis complexa”, proseguiu o executivo. “Para facernos unha idea, baste o seguinte dato: só no mes de xullo, Adamo estaba cableando 40.000 vivendas de 800 pobos ao mesmo tempo, o cal ilustra o grao de dispersión das localidades e das casas que as forman”, sinalou o tamén director de Despregamento da compañía de telecomunicacións no transcurso nas xornadas A nova Lei Xeral de Telecomunicacións: retos e oportunidades, organizadas polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Comunicación (COITT) coa Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais como lugar de celebración.
Subvencións para a fibra rural
Foi precisamente a titular dese organismo, María González Veracruz, quen inaugurou o evento, que reuniu a semana anterior a representantes de numerosas empresas do sector e no que tamén se tratou o papel das axudas públicas para que a España baleirada conte con Internet de calidade. Nese sentido, Xavier Viladegut recoñeceu “o papel clave das mesmas”, dado que “sen elas sería moi complicado chegar a determinados lugares”, poñendo en valor a colaboración público-privada. “As axudas son un tractor de investimentos, sen dúbida, aínda que é verdade que os fondos propios que desembolsamos os operadores acaban superando, con moito, o que recibimos da Administración para realizar a despregadura”, matizou.
Finalmente, o directivo lembrou que “Adamo é o adxudicatario de referencia” neses concursos, tal e como quedou demostrado nas convocatorias de 2020, 2021 e 2022 (neste último caso, a resolución é provisional). En total, máis de 300 millóns de orzamento público-privado para instalar Internet de alta velocidade en 950.000 fogares rurais de 24 provincias.
Adamo lembra que despregar fibra óptica en zonas rurais é ata 15 veces máis caro
Compartir Este Artigo

