Esta semana, no marco das demostracións do proxecto europeo AMU-LED que o Instituto Tecnolóxico de Galicia lidera en España, celebráronse as probas en ceo galego do que sería, segundo informa o ITG, o primeiro e único taxi-dron sen piloto de fabricación española.
Trátase do eVTOL (vehículo aéreo eléctrico de despegue e aterraxe vertical) de Umiles Next, que está dotado da tecnoloxía de Tecnalia.
Os voos, desenvolvidos instalacións do Centro de Investigación Aeroportada (CIAR) en Rozas, en Castro de Rei (Lugo), foron xestionados con Airus, un dos sistemas máis avanzados de xestión de tráfico de drons en cidades de Europa, desenvolvido en Galicia polo centro tecnolóxico ITG e a empresa NTT Data.
Segundo explicou o ITG, estes voos forman parte das demostracións de AMU-LED, proxecto europeo H2020 que busca avanzar na integración segura de vehículos aéreos non tripulados en contornas urbanas, e están a ser coordinadas por ITG en España.
Analía López Fidalgo, directora de Sensórica e Sistemas Aéreos non tripulados de ITG, sinalou que “estamos moi satisfeitos por poder traer de novo a Galicia estas probas que mostran o músculo tecnolóxico do onstituto e sitúannos como un referente internacional no ámbito dos voos aéreos non tripulados en ceo urbano”.
O eVTOL Concept Integrity que voou este xoves 10 de novembro por primeira vez no espazo aéreo galego é un deseño máis avanzado da primeira versión que se presentou en 2019, con todos os sistemas evolucionados. “É o primeiro de España capaz de desprazarse nas cidades de forma autónoma, pensado para o traslado dunha persoa e cubrir distancias urbanas de 15 quilómetros en 15 minutos”, sinalaron fontes do ITG.
A coordinación dos voos do aerotaxi con outros drons e aviación tripulada simulada foi xestionada con Airus, a plataforma tecnolóxica de servizos U-Space desenvolvida por ITG e NTT Data, que permite a integración eficiente e segura de UAS (drons) no espazo aéreo e que “será clave para a democratización dos servizos de mobilidade aérea urbana no futuro, xa que permitirá habilitar aerovías urbanas baixo demanda e en tempo real”, explicaron.
Este software, que durante o voo realizou a prestación dos servizos comúns de información (Common Information Services) e de servizos de xestión de tráfico aéreo, incorpora os últimos avances en enxeñería de tráfico de drons para proporcionar funcionalidades ao centro de xestión como a identificación e rexistro de vehículos aéreos non tripulados, xeoposicionamento, resolución de conflitos de plans de voo, seguimento e monitoraxe do voo, información de tráfico, interface con ATC (Controlador Tráfico Aéreo), xestión de emerxencias, información aeronáutica precisa e fiable, etc.
O ITG engadiu que “o nivel de intelixencia, seguridade, automatización e dixitalización de Airus permiten tráfico UAS (drons) en escenarios complexos, onde a vixilancia é obrigatoria, por exemplo BVLOS (voos que se realizan máis aló do alcance visual do piloto), contorna aeroportuaria, espazos aéreos de alta densidade de tráfico, áreas urbanas ou outras infraestruturas críticas”.
O CIAR das Rozas acolleu demostracións do único taxi-dron sen piloto fabricado en España
Compartir Este Artigo

