A UNED celebrou este 10 de novembro en Lugo unha xornada sobre seguridade e nela, un dos principais puntos a tratar foi, como non podía ser doutro xeito, a ciberseguridade. Esta foi a temática clave da intervención de Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno en Lugo, quen destacou “o compromiso do Goberno para loitar contra as ameazas e os crimes pola vía tecnolóxica” e lembrou que dende 2021 España conta cun Plan Estratéxico contra a Cibercriminalidade para potenciar as capacidades dos Corpos e Forzas de Seguridade e combater esta modalidade delituosa a través de cinco frontes: detección, prevención, protección, resposta e persecución, así como unha axeitada atención ás vítimas.
Ademais, sinalou a “importancia das relacións e cooperación internacional”, nesta etapa de hiperconectividade, para garantir unha rápida resposta, “dado o carácter transfronteirizo da ciberdelincuencia”.
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, advertiu tamén que a ciberdelincuencia “é un dos meirandes desafíos aos que nos enfrontamos na actualidade, pois 1 de cada 4 delitos que se cometen en Galicia son ciberdelitos”.
Así o destacou durante la celebración este xoves das Xornadas de Seguridade Pública, que organizou o centro asociado á Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) en Lugo, e na que tamén participaron o deputado provincial, Pablo Rivera, a directora do centro, Ana Traseira, e o xefe superior da Policía Nacional en Galicia, Ramón Gómez, quen impartiu la conferencia A importancia da colaboración internacional policial na solución de conflitos.
Isabel Rodríguez explicou tamén que a ciberdelincuencia é un dos delitos “en constante aumento” que motivou o incremento da patrullaxe dixital, por parte da Policía Nacional e da Guardia Civil, para previr e responder a esas condutas. “Dende o Goberno apostamos pola modernización constante para contar coas ferramentas tecnolóxicas necesarias que permitan perseguir os delitos vencellados ás TIC ”, subliñou a subdelegada que exemplificou o compromiso do Executivo para loitar contra esta nova delincuencia tecnolóxica coa creación, hai un ano, dos equipos Arroba da Garda Civil.
Isabel Rodríguez di que a ciberdelincuencia é un dos grandes retos actuais en materia de seguridade
Compartir Este Artigo

