O vindeiro luns 21 de novembro, das 10 ás 12.00 horas, AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) celebrará unha formación en liña sobre audiencias interactivas e novos públicos, ao abeiro do programa AGAPI Impulsa Copros. Esta actividade, financiada polo ICAA do Ministerio de Cultura y Deporte, contará coa presenza de Beatriz Fontán, a persoas encargada de impartir esta formación. Beatriz cursou o Mestrado en Dirección Comercial e Marketing e o Mestrado en Produción e Xestión Audiovisual e está especializada en mercadotecnia cultural. Desenvolve a súa carreira nas áreas de comunicación, produción, xestión e mercadotecnia.
Entre outras compañías, Beatriz ten traballado no Grupo PRISA, El Mundo e as produtoras galegas Filmax, Ficción Producións, Milú Films e Continental Producións, coordinando tamén o Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela (Curtocircuito). Actualmente imparte formación en materia de xestión de públicos, estratexia e comunicación efectiva para profesionais independentes e pemes.
Este webinario de AGAPI impartirase vía online a través da plataforma Xoom e será de balde ate completar aforo. As persoas interesadas deberán enviar un correo a agapimpulsa@agapi.gal antes do 18 novembro indicando nome, apelidos e enderezo electrónico.
Este é o terceiro dunha serie de seminarios en liña que están destinados a promover e mellorar competencias dixitais co fin de complementar o traballo de asesoramento en aspectos innovadores con especial interese no coñecemento de novas audiencias.
AGAPI organiza un webinario sobre audiencias interactivas e novos públicos
Compartir Este Artigo

