O pasado venres 11 de novembro presentouse no Liceo Casino de Tui o venres 11 de novembro a iniciativa Galegas con Recursos, un programa integral de difusión, formación e información de recursos para mulleres que pon en marcha a Asociación de Mulleres en Igualdade AMEI Tui. A primeira parte do programa, na que están traballando as integrantes da entidade, consiste no lanzamento dunha aplicación móbil cun directorio de recursos para mulleres vítimas de violencia de xénero, coa que se pretende “centralizar nunha única ferramenta todos os recursos dispoñibles en Galicia”.
O obxectivo da aplicación é “facilitar o acceso a información sobre recursos dos que se pode botar man”, porque, segundo comenta Anabel Solla, presidenta de AMEI Tui, “os recursos salvan vidas, é de vital importancia que as mulleres coñezan os seus dereitos, que coñezan as ferramentas que teñen ao seu dispor e que poidan acceder a elas dende a palma da súa man”.
A aplicación, engadiu, está pensada para ser utilizada polo público en xeral mais tamén por entidades públicas, asociacións e profesionais que atenden a mulleres vítimas de violencia de xénero. “É unha ferramenta áxil e intuitiva onde se pode encontrar información sinxela e directa dos recursos existentes agrupados segundo a súa área”, sinalou, engadindo que xa está dispoñible para descarga a través de Google Play; tamén se está a elaborar unha páxina web, coa mesma finalidade, utilizando como base Galegas con Recursos.
“Estamos moi ilusionadas co proxecto que nos permite, dende a nosa pequena entidade en Tui, poder desenvolver unha ferramenta a nivel autonómico que será de utilidade a moitísimas mulleres de toda Galicia,” declara Anabel Solla.
A app desenvolveuse grazas a unha subvención da Xunta de Galicia para fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres e foi co-financiada polos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. A iniciativa tamén contou coa colaboración da Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUP).
“Levamos traballando case un ano e medio no desenvolvemento desta tecnoloxía, cun equipo de profesionais que se deixaron a pel para sacar o proxecto adiante cando non sabiamos se encontrariamos financiamento”, comentou Anabel Solla.
Preséntase a app Galegas con Recursos, unha guía de ferramentas fronte a violencia de xénero
Compartir Este Artigo

