
Alumnado de 2º de Bacharelato Científico asistirá á charla Tris-Tras, coas Matemáticas o terás, que versará sobre a transcendencia das matemáticas na sociedade actual. Mª Victoria Otero Espinar, catedrática de Análise Matemática da Universidade de Santiago e vicepresidenta da Real Sociedade Matemática Española, destacará a súa presenza en boa parte do que nos rodea na nosa vida cotiá.
“Son moitos os avances científicos e tecnolóxicos que dependen das matemáticas”, avanza a investigadora, engadindo que “aqueles constituen a base da seguridade informática e dos dispositivos de imaxe médica como a tomografía computarizada ou a resonancia magnética”. E engade: “Sen as matemáticas non habería tradución automática, vehículos autónomos ou a decodificación do xenoma humano. Grazas ao uso de modelos matemáticos podemos entender as dinámicas de poboacións, comprender e controlar a propagación de epidemias ou analizar os riscos dos perigos naturais (inundacións, terremotos, incendios, furacáns…), o que axuda a prepararse con antelación, reducindo o risco de catástrofes”. Amais, explica, “as matemáticas permiten comprobar a autenticidade de obras de arte, describir a evolución dos negocios dunha empresa ou predicir o desenvolvemento de células nai”. En relación á arte, remarca que “as matemáticas inspiran a artistas e músicos: simetrías, fractais, curvas xeométricas, superficies e formas, patróns, escalas e sons na música…”. E destaca que os matemáticos e matemáticas están a traballar tamén no desenvolvemento de videoxogos ou na creación de películas animadas; e no deporte para deseñar estratexias de equipo no fútbol, baloncesto… e para tomar decisións durante as carreiras ou para conseguir coches máis aerodinámicos na Fórmula 1.
A RAGC e a Deputación de Pontevedra impulsan a canteira científico-tecnolóxica galega
Compartir Este Artigo

