Este martes 15 de novembro asinábase o acordo da Zona Franca de Vigo coa UVigo SpaceLab de cara a misión BIXO, un nanosatélite que nace coa vontade de analizar o comportamento dos microorganismos no espazo. O delegado do Estado, David Regades; e o representante da asociación, Manuel Diz Folgar, eran os elixidos para asinar o dito pacto que converte ao Consorcio nun dos patrocinadores da misión.
Pola súa banda, David Regades amosaba o seu “apoio a un proxecto tan innovador e cuns promotores tan dinámicos que permite colocar a Vigo á vangarda dos nanosatélites, ademais de permitir que o talento que se forma nos distintos graos da Universidade de Vigo poida quedar na casa”.
O proxecto BIXO (Bacteriological Intercommunication Experiment Orbiter) permitirá lanzar ao espazo, a mediados de 2024, este satélite de dúas unidades, dentro do que se instalará unha cámara presurizada que dará acubillo a bacterias e analizará como se comportan no espazo. O experimento determinará como lles afecta unha viaxe de 9 meses entre a Terra e Marte.
O equipo UVigo SpaceLab é un proxecto docente de alumnos e alumnas da Universidade de Vigo, que persegue a aprendizaxe práctica en diversas áreas mediante o deseño, a fabricación e operación de pequenos satélites, co obxectivo de aprender coñecementos dentro do ámbito espacial e participar en distintos concursos e proxectos do sector.
UVigo SpaceLab integra a un equipo multidisciplinar, con 40 estudantes de distintas escolas e facultades da universidade, así como de centros adicados ao deseño, fabricación e operación de pequenos satélites e misións espaciais.
Engadir que arestora, UVigo SpaceLab atópase en fase de reunir apoios, tanto de empresas como de administracións públicas.
A Zona Franca e o UVigo SpaceLab preparan o lanzamento ao espazo dun satélite para o 2024
Compartir Este Artigo

