A Universidade de Vigo deu nu novo paso na súa aposta pola virtualización, impulsada pola pandemia e materializada xa en iniciativas como a posta en marcha do Campus Remoto. Agora a institución dá un paso máis nesta senda co lanzamento de UNIverso UVigo, un prototipo de metaverso que albergará espazos de encontro, de ensinanza e de aprendizaxe, “de xeito que tanto alumnado como persoal docente e investigador poderán beneficiarse dunha interface amigable para as interaccións en remoto”.
Primeiro paso dun plan piloto
Segundo informa a UVigo, esta iniciativa é un primeiro paso dun plan piloto de virtualización de laboratorios posto en marcha a través da Vicerreitoría de Profesorado, Docencia e Titulacións e da súa área de Docencia, que ten como obxectivo “a renovación pedagóxica e a innovación docente”. O director da Área de Docencia, Martín López Nores, explica que “o proxecto xurdiu no marco dunha liña de axudas da Xunta de Galicia para a virtualización da ensinanza”. O deseño conceptual completouse durante o verán de 2022, combinando varias compoñentes de innovación e correu a cargo da Vicerreitoría de Profesorado, Docencia e Titulacións. Na posta en marcha están implicadas tres empresas galegas: Këndra, Deicom Technologies e Égida Software Solutions.
Virtualización de espazos e laboratorios
UNIverso UVigo inclúe a virtualización de espazos e laboratorios nunha contorna académica e permite milleiros de configuracións dispoñibles para crear avatares únicos para cada usuario. “Convértese”, engaden fontes da institución académica superior, “nun mundo aberto con zonas comúns nas que facer recepcións e exposicións con interacción a través do chat de voz e auditorios e salas onde celebrar relatorios e impartir clases maxistrais ou laboratorios”. Amais, o sistema estará aberto a estudantes e persoal investigador da Universidade de Vigo e concibirase para medrar “de xeito orgánico”,, incorporando novos módulos onde o metaverso achegue un valor engadido á ensinanza-aprendizaxe.
Vantaxes para o alumnado, para o PDI e para a institución
Dende o punto de vista do alumnado, o UNIverso UVigo “pode brindar espazos de encontro máis amigables que os dun portal web, no que tradicionalmente se atopan contidos organizados en estruturas puramente xerárquicas, a interacción síncrona é moi limitada e as comunicacións son eminentemente textuais”, explica López Nores, engadindo que grazas ás tecnoloxías do metaverso poderán beneficiarse dunha “noción de ‘presenza virtual’ coa que suprimir barreiras persistentes nun momento no que, cada vez máis, interactuamos remotamente uns con outros. Así, esta proposta da UVigo permitirá que as persoas que teñan acceso ao UNIverso UVigo “se poidan atopar en espazos 3D que evocan elementos dos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo, e nos que poden asistir a relatorios, exhibir traballos propios, empregar remotamente software xestionado pola Universidade ou, simplemente, conversar por voz e/ou vídeo”.
Dende o punto de vista do PDI, continua o director da Área de Docencia, o UNIverso UVigo “poderá ser un recurso máis á súa disposición para interactuar co alumnado, ao tempo que ofrecerá unhas interfaces abertas para que, quen queira, poida facer desenvolvementos propios e probalos nunha contorna común”.
Finalmente, para a propia Universidade de Vigo, engade, “consideramos valioso contar cun posicionamento propio nunha área da tecnoloxía que pode ter un impacto significativo na transformación dixital ao longo deste decenio”. Así, López Nores destaca que o UNIverso UVigo “pode contribuír moi positivamente a integrar o alumnado de mobilidade a todos os niveis (grao, máster e posgrao) así como no seo da Universidade Europea ATHENA, na que se acaba de integrar a UVigo e que devece por solucións coas que promover o sentimento e a percepción de comunidade”.
Durante o mes de outubro ultimáronse os detalles técnicos e de presentación, e o lanzamento está previsto para este mes de novembro aberto a un conxunto limitado de usuarios.
A partir de agora, esta plataforma irá abríndose á totalidade dos usuarios potencias ao longo dos vindeiros meses. Ademais, a vicerreitoría emprenderá unha consulta en escolas e facultades dos tres campus para indagar sobre áreas concretas nas que a tecnoloxía supoña un valor engadido, de xeito que se poidan ir incorporando novos espazos de laboratorios específicos.
UNIverso UVigo súmase a outros proxectos de virtualidade postos en marcha pola Universidade de Vigo, como Campus Remoto, o xemelgo dixital da institución ou Moovi, o portal de teledocencia. López Nores destaca que son “solucións complementarias”.
A UVigo mergúllase no metaverso co lanzamento do proxecto UNIverso
Compartir Este Artigo

