Este xoves, 17 de novembro, clausuráronse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro os primeiros cursos do segundo módulo de alfabetización dixital no rural impulsado polo Concello de Ames. A concelleira de Cultura entregou os diplomas de asistencia a estes cursos aos veciños e veciñas de Agrón, Trasmonte, Bugallido e Biduído.
Arredor de 30 persoas participaron nestas actividades que comenzaron en outubro e que remataron o 16 de novembro, no que estiveron reforzando os coñecementos recibidos na primeira parte deste curso, realizado no 2021, e aprenderon novos temas relacionados coa xestión de arquivos, ofimática, tratamento de imaxes, correo electrónico, redes sociais, uso de dispositivos móbiles, entre outros temas.
O programa de alfabetización dixital no rural comezou a impartirse en 2021 entre a veciñanza do rural amesán, con “gran éxito de participación”, en palabras do Concello. Esta iniciativa respondeu a unha das demandas da veciñanza dos Orzamentos Participativos do ano 2020. En 2021 impartiuse o primeiro módulo de ditos cursos de alfabetización dixital e ao longo deste ano 2022 realizouse o segundo módulo. O obxectivo principal destes cursos, organizados pola Concellaría de Cultura, é familiarizar ás veciñas e veciños do rural amesá co uso das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), facilitando xeitos seguros e axeitados para incorporar o mundo dixital a distintos aspectos das súas vidas cotiás.
Tal e como explica a concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, “a primeira edición do curso de alfabetización no rural tivo un gran éxito de participación e ante a demanda das/os participantes de facer un segundo curso para seguir ampliando os coñecementos en informática, comprometinme a que se impartiría un segundo módulo. Deste xeito, estamos dándolle continuidade a este programa que tan ben está funcionando nos locais sociais do rural”.
O segundo modulo de ditos cursos impártese en nove locais socias do rural amesán (Agron, Trasmonte, Bugallido, Biduído, Ortoño, Tapia, Ameixenda, Augapesada e Covas). A primeira quenda destes cursos comezou o pasado 3 de outubro e rematou o 16 de novembro. Deste xeito, este xoves, 17 de novembro, clausuráronse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro os primeiros cursos do segundo módulo de alfabetización dixital no rural.
Até 30 persoas de Ames recibiron cadanseus diplomas de formación TIC
Compartir Este Artigo

