A Deputación de Pontevedra, a través do programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta catro novas formacións impartidas de xeito online, enmarcadas na súa carteira de obradoiros para persoas autónomas, pequenas e medianas empresas, profesionais e cidadanía en xeral. As accións tratarán temas de ciberseguridade, promoción de negocios turísticos a través de Facebook e Google My Business e inbound márketing.
Este luns 21 de novembro, Manuel Freire, experto en Robótica, programación e impresión 3D, será o encargado de impartir o curso Ciberseguridade, o que non se ve da navegación na Internet. O obxectivo deste obradoiro é dar a coñecer a importancia dos riscos que ten a navegación pola Rede.
O martes 22, a postgraduada en Turismo pola Universidade de Santiago de Compostela, Patricia Cabaleiro, impartirá o taller As vantaxes de Facebook para promocionar o teu negocio turístico. Segundo avanza a formadora, Facebook “é unha importante ferramenta de comunicación directa cos clientes actuais e os potenciais” e “grazas á cantidade de información que ten dos seus usuarios, esta rede social permite ás empresas turísticas dispoñer de información valiosa sobre os intereses e preferencias dos viaxeiros e dos lugares aos que viaxaron”.
O mércores 23 de novembro, Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Barcelona, dará a coñecer Google My Business, unha ferramenta de Google enfocada a negocios locais que busquen unha maior visibilidade. Google My Business, explica o formador, “está pensado para facilitar o aproveitamento, por parte dos pequenos comercios, das posibilidades da xeolocalización e as procuras que a súa potencial clientela poida facer, empregando o buscador de Google”. Todo este contido desenvolverase no obradoiro Promociona o teu negocio con Google My Business.
Finalmente, o xoves 24, impartirase o taller Introdución ao inbound márketing I. Este curso ten como finalidade ensinar esta metodoloxía non intrusiva, baseada en técnicas de mercadotecnia e a publicidade dixital, que ten como obxectivo comunicarse cun usuario desde que coñece unha marca, acompañándoo ata a conversión ou venda final. Esta formación será impartida polo enxeñeiro informático José Luis Taboada.
SmartPEME oferta esta semana catro novos cursos en liña
Compartir Este Artigo

