Hai algo máis dun ano Apple anunciou as reparacións de autoservizo, que permitiría que os clientes que se consideren capaces poidan facer as súas propias reparacións, tendo acceso a pezas e ferramentas oficiais para poder reparar os últimos iPhone e os ordenadores con Apple Silicon, e finalmente esta iniciativa ábrese a Reino Unido, Suecia, Bélxica, Francia, Alemaña, Italia, Polonia e España.
Deste xeito temos xa dispoñible a tenda para reparacións de autoservizo de produtos de Apple en España, onde podemos adquirir pezas orixinais, alugar ou mercar ferramentas para a reparación e incluso poder consultar os manuais de reparacións oficiais. Os produtos para os que están dispoñibles as pezas orixinais serían o iPhone SE de terceira xeración e os iPhone ordinarios a partir da versión 12, o MacBook Air de 2020 (con procesador M1), o MacBook Pro de 2020 con pantalla de 13 polgadas e procesador M1, e os MacBook Pro de 14 e 16 polgadas do ano 2021.
Esta iniciativa de Apple estaría enmarcada na liña do dereito a reparar á que a compañía de Cupertino está a adherirse, de xeito que cada vez os produtos de Apple son máis susceptibles dunha reparación doada (cando ata o momento destacaban polo contrario). Agora, un usuario calquera pode adquirir as pezas que ten estragadas do seu dispositivo e incluso alugar un lote de ferramentas que fan doada a substitución das pezas, aínda que cómpre advertir de que facer tal é normalmente máis caro que acudir a un servizo técnico oficial, pero coa comodidade de que o usuario poida elixir o momento de realizar a reparación e a confianza que supón que o dispositivo non pase por mans alleas (o que en moitas ocasións evita a molestia de ter que facer un borrado dos datos antes de mandar os equipos ao servizo técnico).
Paralelamente ao sistema de reparacións de autoservizo Apple tamén incrementou considerablemente o número de servizos técnicos autorizados, ou sexa, establecementos nos que realizan as reparacións con pezas orixinais e baixo as condicións impostas por Apple. A compañía asegura que actualmente 8 de cada 10 clientes de Apple en Europa teñen un servizo técnico autorizado a menos de 30 minutos.
Apple estrea as reparacións de autoservizo en España
Compartir Este Artigo
