
Montes e montañas: un tesouro patrimonial e económico de Galicia é o título do novo especial. Nesta nova entrega, reúnense unha ducia de recursos audiovisuais que permiten profundar na riqueza paisaxística e natural, así como no potencial ecolóxico, económico e social dos montes galegos. Con este especial, o CCG súmase á conmemoración do Día Internacional das Montañas, unha celebración anual coa que se busca chamar a atención sobre a importancia dos diversos recursos que estas ofrecen.
“Os ecosistemas montañosos teñen gran valor científico, ecolóxico, patrimonial e lingüístico por si mesmos, ao que temos que sumarlle as actividades que se desenvolven neles”, asegura o especial, que destacan as potencialidades que teñen, por exemplo, o deporte ou o turismo para “producir benestar económico e social para as comunidades rurais alí asentadas e para as persoas que se achegan a coñecelos e gozar deles”.
Segundo explica o CCG e a USC, os vídeos escolmados para esta entrega de Proxector “permiten coñecer a gran reserva de montes e montañas da nosa comunidade, identificar a pegada que os seus poboadores deixaron a través da toponimia ou a arqueoloxía e descubrir os tesouros naturais, xeolóxicos e patrimoniais que atesouran lugares como a devesa da Rogueira ou o monte Pindo”. A construción do túnel de Montefurado, levada a cabo polos romanos hai case 2000 anos para desviar o curso do río Sil e buscar ouro entre os sedimentos, é outro dos materiais que recolle o especial.
O novo especial de Proxector recompila vídeos sobre o patrimonio dos montes galegos
Compartir Este Artigo

