A Asociación Amigus, a través da súa iniciativa Amigus Labs, informou da apertura do prazo de inscrición para o curso internacional de fabricación dixital Fab Academy. Amigus lembra que o proxecto colaborativo e participativo Amigus Labs – Fab Lab As Pontes é nodo da Fab Academy. A través disto, achéganse as máquinas, os compoñentes e os materiais para sacar os nosos proxectos tecnolóxicos maker adiante, guiados polos instrutores locais e globais que forman Fab Academy.
O curso desenvolverase durante 5 meses (20 semanas) e inclúe os seguintes contidos: deseño, impresión 3D, mecanizado, electrónica e obxectos conectados, entre outros.
Cada semana haberá unha temática nova, mentres os participantes desenvolven cadanseus proxectos e materialízanse as súas ideas, con vistas ao lanzamento de startups e a posta en marcha de iniciativas empresariais. Grazas á participación na Fab Academy, as persoas inscritas poderán intercambiar coñecemento avanzado e adquirir recursos con 80 laboratorios de todo o mundo. Ademais, poderán obter un diploma recoñecido a nivel internacional.
O curso está inspirado do MIT e dirixido polo inventor dos FabLabs, Neil Gershefeld, do Centro de Bits e Átomos do MIT.
A iniciativa Fab Academy está aberta a estudantes e profesionais que busquen novos enfoques ou ampliar o alcance da súa práctica. Segundo informan dende Amigus, darase a benvida a persoas de todos os ámbitos da vida, con ou sen experiencia en capacitación técnica, xa sexa que busquen unha maneira de desenvolver un proxecto específico ou perseguir os aspectos físicos dunha idea.
As solicitudes xa están abertas a través da web da Fab Academy.
Aberto o prazo do curso internacional Fab Academy, no que colabora Amigus Labs
Compartir Este Artigo

