Monforte vai acoller o que sería o primeiro centro de ciberseguridade de Renfe. Así o deron a coñecer este venres 16, nunha estadía na localidade, a secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera, o presidente da empresa ferroviaria, Isaias Táboas, o alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. Segundo explicaron, o centro comezará a funcionar a finais do ano que está a piques de comezar.
O novo Centro de Competencias Dixitais (CCD) de Renfe estará centrado en achegar recursos vencellados a protección dixital das informacións, as comunicacións e as xestións en liña de Renfe, consideradas críticas pola relevancia que adquiren en materia de seguridade cidadá e de infraestruturas.
A empresa pública investirá case 1 millón de euros neste novo centro, que complementará o labor doutros centros loxísticos avanzados creados en Alcázar de San Xoán, Mérida, Miranda de Ebro, Linares e Teruel.
A iniciativa, impulsada por LogiRAIL, filial de Renfe, abéirase á Estratexia Nacional fronte ao Reto Demográfico para a deslocalización de actividades destinada a loitar contra a España baleirada.
O centro de Monforte contará con 40 traballadores e terá como cometido detectar, analizar e corrixir incidentes e eivas de protección tecnolóxica empregando ferramentas avanzadas, moi baseadas na Internet das Cousas (IoT polas súas siglas en inglés).
Xestión decisiva do alcalde e presidente da Deputación
José Tomé, cuxo empreño foi decisivo para que Monforte acubillase este centro tecnolóxico, salientou a importancia desta inicaitiva “porque se somos ambiciosos e facemos as cousas ben, dos 40 postos de traballo que crearemos inicialmente a través del, poderemos alcanzar os 100 postos altamente cualificados”. Na súa intervención o alcalde tamén incidiu en que “Renfe tería un papel máis relevante se atopáramos a colaboración leal da Xunta de Galicia, co Concello e co Ministerio”, porque “se a Xunta puxera en marcha o Porto Seco de Monforte, con esta plataforma loxística, Renfe tería moitas máis posibilidades de negocio”. Finalmente, tanto a secretaria de Estado coma o presidente de Renfe, destacaron “o interese, o tesón e o empeño do alcalde de Monforte por levar adiante este proxecto, que hoxe é unha realidade e que situará á cidade como referencia da ciberseguridade deste tipo de servizos en España”.
Monforte albergará o primeiro centro de ciberseguridade de Renfe
Compartir Este Artigo

