Esta mañá tivo lugar o evento de fin de proxecto da iniciativa Smartiago, impulsada polo Concello de Santiago para mellorar os servizos públicos a través de solucións innovadoras. Ao acto, celebrado no centro sociocultural de Santa Marta, asistiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; Gumersindo Guinarte Cabada, concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo; Teresa Riesgo Alcaide, secretaria xeral de Innovación do Ministerio de Ciencia e Innovación e representantes de empresas e institucións encargadas dos proxectos enmarcados en Smartiago.
O rexedor destacou ao principio do evento que con este proxecto “aspiramos a ser unha cidade totalmente innovadora en tecnoloxía” e agradeceu a colaboración de todas as empresas e particulares inmersos en Smartiago xa que “desenvolver diferentes liñas de actuación para mellorar os servizos públicos a través da Compra Pública de Innovación é, aínda para nós, unha novidade e aprendemos a xestionalo sempre con vistas ao futuro”.
Durante o evento desenvolvéronse diferentes mesas relacionadas cos retos desta iniciativa impulsada polo Concello como a mobilidade sostible ou a iluminación ornamental intelixente.
Reto Mobilidade
A encargada de presentar as primeiras propostas foi María Moreno Berguer, xefa do Servizo de Mobilidade do Concello de Santiago.
Moreno deu paso a Juan Carlos González de Frutos, director rexional de Kapsch, empresa encargada de traballar por unha mobilidade máis intelixente a través de cámaras, bolardos ou redutores que permitirán controlar o paso dos vehículos ao centro histórico da capital galega mediante Intelixencia Arteficial.
Outro dos proxectos de mobilidade analizados foi o Xemelgo Dixital, de Itera Técnica. Nesta ocasión, Carlos Gustavo Parrilla García, da empresa MERASYS, expuxo os últimos avances dun traballo no que se recollen datos a través de sensores distribuídos en 22 bancos urbanos que se atopan pola cidade de Santiago. Esta información permitirá ao Concello planificar novas estratexias ou dispositivos de actuación ante eventos de gran afluencia.
Ademais, dentro do Xemelgo Dixital tamén se desenvolveu a aplicación móbil SmartWay Smartiago. A través desta ferramenta, dispoñible en iOS e Android, as persoas usuarias poderán idear e realizar roteiros pola capital galega a pé ou usando un medio de transporte sostible. Ao conseguir puntos poderán trocalos en diferentes establecementos da cidade como o Centro Comercial As Cancelas, a tenda ecolóxica de comestibles A Cesta da Saúde, o Multiusos Fontes do Sar – Santa Isabel e a tetería e ecotenda O Xardín dos soños.
A parte final desta mesa de mobilidade centrouse no vehículo autónomo modular deseñado por Vodafone, en colaboración coa empresa Phebus e a Universidade de Deusto.
Severino Castromán Souto, responsable de Administracións Públicas Galicia-Vodafone España, mostrou ao público a situación actual deste vehículo que xa realizou varios trazados no centro histórico de Santiago para poder circular por si mesmo.
Reto Iluminación
O proxecto Cromalux centrou todas as miradas ao conseguir unha iluminación máis eficiente e sostible que, ademais de cumprir coa súa tarefa estética, tamén frea as colonias biolóxicas que degradan as fachadas dos monumentos históricos, reducindo o gasto en conservación do patrimonio.
A introdución ao proxecto foi presentada por Javier García Castelo, xefe do Servizo de Urbanismo do Concello de Santiago; quen deu paso a Sebastián Pantoja, director de programas estratéxicos de Televés e director do proxecto Cromalux, e a Patricia Sanmartín, directora científica do proxecto e integrante da Universidade de Santiago de Compostela.
Do presente ao futuro
Tras finalizar as presentacións dos diferentes proxectos o evento enfocouse nos Living Lab, tamén chamados laboratorios en vivo.
Nesta ocasión tivo lugar unha charla participativa entre Jesús Rodríguez Castro, xefe do Servizo de Informática Concello de Santiago; María Santiago Sieira, codirectora da oficina técnica do proxecto e Manuel Cutrín Domínguez, director da Asesoría Xurídica do Concello.
Os tres incidiron en que Smartiago era un proxecto novo polo que nun principio “no sabiamos como afrontalo” aínda que aprendemos a facelo grazas ao traballo e esforzo de moitos departamentos técnicos do Concello así como á colaboración de empresas privadas e públicas ademais de institucións.
De feito, Cutrín destacou neste punto a importancia da contribución dos diferentes departamentos sinalando que “o fin último de Smartiago non era crear un modelo de mobilidade máis sostible o un sistema de iluminación intelixente senón captar os polos de xeración de coñecemento, establecer contactos e construír un sistema de colaboración con boa base”. A iniciativa “acábase pero non finaliza”, incidiu o director de Asesoría Xurídica do Concello, subliñando que “o papel das Administracións Públicas é clave neste tipo de proxectos nos que non se trata de investir en obras, senón en futuro”.
