O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este sábado 17 de decembro a gala de entrega da quinta edición dos Premios Lingua e Empresa organizados pola Concellaría de Normalización Lingüística. As empresas galardoadas foron We Robots Academy, de Bertamiráns, na categoría de uso consolidado da lingua galego, e SOMA Centro de Terapia Integral, do Milladoiro, na categoría de empresas que naceron nestes dous últimos anos ou que incorporaron a lingua galega na súa comunicación nese mesmo período. Recibiron un trofeo e un diploma, que se engade á dotación de 1.500 euros e á campaña de difusión en Ames Radio cos que se premiaba a cada categoría.
A regueifeira Lupe Blanco e mais o regueifeiro Josinho da Teixeira conduciron e amenizaron a cita coas súas coplas improvisadas. Ao acto acudiron o alcalde, Blas García, a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e varios/as concelleiros/as da Corporación municipal. Ademais, de público xeral e dos membros do xurado, na gala estiveron representantes das 26 empresas participantes nesta edición, das empresas gañadoras e participantes en edicións anteriores, e das asociacións de empresarios e comerciantes de Ames que colaboraron activamente na difusión desta convocatoria.
O obxectivo da gala foi “poñer en valor o tecido empresarial local xunto coa lingua galega”. Ademais aproveitouse o acto para desvelar e entregar os premios deste ano e para recoñecer publicamente o labor das empresas participantes e das gañadoras noutras edicións. Os ditos galardóns teñen a finalidade de “promover o uso do galego na actividade económica do concello de Ames, concretamente no ámbito empresarial e comercial”. Este ano presentáronse ao certame un total de 26 empresas, unha cifra que triplica a participación da edición anterior.
Empresas gañadoras da quinta edición
Na categoría A, de uso consolidado da lingua, na que participaron empresas que realizan “un uso estable e continuado da lingua galega dende hai máis de dous anos”, a empresa escollida polo xurado foi a firma tecnolóxica We Robots Academy de Bertamiráns, polo “seu labor decidido e comprometido a prol da normalización lingüística no eido empresarial”. O xurado destacou que a actividade desta empresa vincula a lingua coas novas tecnoloxías e, particularmente, cun ámbito tan innovador e atractivo para o público infantil e mozo como é o da robótica, a programación ou a impresión 3D. Por este motivo, We Robots Academy pode ter “un impacto importante na normalización lingüística da infancia e da mocidade”, salientou o xurado, engadindo que “a aposta desta empresa sitúa a lingua galega como elemento de marca, na cerna do produto e da súa relación coa clientela”. Nesta categoría participaron un total de 15 empresas.
Na categoría B, nova incorporación ou creación, participaron firmas que se crearon nos últimos dous anos ou que se incorporaron ao galego dentro dese mesmo período. A premiada foi SOMA Centro de Terapia Integral do Milladoiro, por “incorporar a lingua á súa actividade de maneira regular, coherente e implicada, apostando claramente polo galego tanto na comunicación coma no desenvolvemento dos servizos que ofrece a familias, a nenos e a nenas, a mocidade e a poboación adulta”. Nesta categoría concorreron 11 entidades.
Vicente Calvo Pazos, representante de We Robots Academy, agradeceu o premio e destacou que crearan a empresa con “moitas ganas e ilusión” e que desde o primeiro momento tiveron claro que “querían transmitir os coñecementos tecnolóxicos que imparten empregando como instrumento vehicular a lingua galega”.
Pola súa banda, Xisela Delgado Caseiro, representante de SOMA, Centro de Terapia Integral, agradeceu ao Concello a iniciativa, e indicou que eles apostaron “desde o primeiro día por usar o galego con normalidade e como marca de empresa”. Dedicoulle o premio a seus pais por seren eles quen lle inculcaron o amor pola lingua e a cultura galegas.
O xurado estivo formado por Adrián Cunha Veira, de Pixelin Photo, como representante das empresas gañadoras na pasada edición; Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en nome dos consumidores e consumidoras; e Rocío Loureiro, graduada en Lingua e Literatura Galega e especialista en Normalización Lingüística. A técnica municipal, Rosa Moreiras, actuou como secretaria en representación do Concello de Ames.
We Robots Academy e SOMA gañan a quinta edición do Premio Lingua e Empresa
Compartir Este Artigo

