O Consello da Cultura Galega vén de pór na Rede a primeira gravación de Sindy, obra sinfónica do músico galego Carlos López García-Picos (Betanzos, 1992- Oleiros, 2009), estreada o 8 de agosto de 1976 no Teatro Colón e interpretada pola Orquestra Filarmónica de Bos Aires baixo a dirección de Mario Benzecry.
A peza repousaba na Colección Pampillón do Arquivo Sonoro de Galicia que agora, como colofón dos actos de celebración do centenario do nacemento do músico, o Consello da Cultura galega (CCG) subiuna a Internet cun estudo contextualizador a cargo de Javier Ares Espiño e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno.
Con esta peza García-Picos, gañou o premio da Tribuna Nacional de Compositores 1979 (TRINAC), concurso organizado polos Encuentros Internacionales de Música Contemporánea coa colaboración de Ricordi Americana eo Consejo Argentino de la Música.
Sobre ela, o propio autor dixo que era “un día no campo” que recorda “o amencer co comezo do canto dos paxaros que pouco a pouco van engrosando ata que todos cantan con diferentes comportamentos nun bloque aleatorio que se repite dúas veces máis, pero con algunhas variantes e ao atardecer van desaparecendo coa noite ata os últimos cantos suaves”.
A obra toma o nome de Sindy, o can que acompañaba a García Picos nos paseos polos bosques que lle permitiron compoñela.
Javier Ares e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno explican no especial que a gravación de Sindy que está na Rede repousaba no Fondo Pampillón que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia desde os anos noventa. “Está fixada no soporte de cinta de bobina aberta e inclúe a data do 12 de agosto de 1976; que entendemos que é incorrecta xa que non existe información da interpretación desta obra sinfónica nese día. A alta calidade do rexistro sonoro e o ámbito de concerto público no que se desenvolve lévannos, polo tanto, a pensar que se trata da interpretación de Sindy no día da súa estrea, o 8 de agosto de 1976 no Teatro Colón”, afirman.
A maiores deste concerto, nesta recta final de ano o CCG incorporou a entrada de García-Picos no Álbum de Galicia, o repositorio online de persoeiros históricos da nosa terra impulsado polo Consello da Cultura. A entrada foi asinada por Javier Ares.
O CCG culmina na Rede os actos de celebración de García-Picos
Compartir Este Artigo

