O escándalo de Facebook con Cambridge Analytica continúa a ter consecuencias que van máis aló dunha crise de reputación, e Meta vén de chegar a un acordo polo que pagarán 725 millóns de dólares para pechar unha causa na que acusaba ao xigante das redes sociais de facilitar que terceiros (incluíndo Cambridge Analytica) accedesen a datos persoais dos usuarios.
O acordo pecha unha causa moi longa, referida ao acceso abusivo a datos duns 87 millóns de usuarios de Facebook desvelado en 2018, co que Meta quere responder ante os demandantes sen ter que admitir malas prácticas pola súa banda. A causa en cuestión baseábase no feito de que Facebook podería ter violado varias leis ao permitir que desenvolvedores e socios puidesen colleitar datos persoais sen autorización dos usuarios.
En 2019 a Facebook xa acordara pagar 5.000 millóns de dólares á FTC por mor das súas prácticas relativas á privacidade e outros 100 millóns de dólares á SEC por non ter informado correctamente aos investidores sobre o mal uso dos datos dos usuarios.
Meta pagará 725 millóns de dólares para pechar unha causa sobre Cambridge Analytica
Compartir Este Artigo
