Pouco a pouco as promesas ao redor do servizo de pagamento Twitter Blue van cumpríndose, e a axuda de Twitter xa recolle un par de cambios moi importantes nas vantaxe de Twitter Blue: maior prioridade nas conversas e vídeos máis longos.
Supostamente as respostas a chíos dende contas de pagamento de Twitter Blue terán prioridade, algo que aínda non se detallou como se está a aplicar, mentres que no caso dos vídeos a novidade está efectivamente activa, incluso para os anteriores subscritores de Twitter Blue.
Até o momento Twitter Blue facilitaba compartir vídeos Full HD de ata 10 minutos de duración (fronte aos 2:20 minutos de límite dos usuarios ordinarios), pero co último cambio os subscritores poden subir vídeos de ata 60 minutos de duración cun tamaño máximo de 2 GB, aínda que esta funcionalidade polo momento só pode aplicarse á versión web do servizo (nas aplicacións móbiles polo momento o límite segue fixado en 10 minutos).
Permitir vídeos de longa duración en Twitter pode supor un cambio moi importante nos usos da plataforma, pois é posible que algúns creadores de contido en vez de publicar ligazóns a plataformas como YouTube opten por publicar as súas creacións de xeito íntegro en Twitter, aínda que será preciso que se creen incentivos para que fagan tal, así como a apertura de funcionalidades como o Media Studio a calquera usuario para facilitar a xestión dos contidos multimedia (e para poder facer cousas tan básicas como definir o fotograma que sairá como miniatura do vídeo).
Os subscritores de Twitter Blue xa poden subir vídeos de ata 60 minutos de duración
Compartir Este Artigo
