O Padroado da Fundación da Oficina de Promoción Tecnolóxico Industrial da Cámara da Coruña celebrou a semana pasada a súa segunda reunión operativa para avanzar nos próximos pasos que dará a entidade. Segundo comunicaron os integrantes do Padroado, o proceso de contratación do xerente da futura entidade está a pecharse e a reforma das instalacións que acollerán a oficina, situada na propia sede da Cámara, atópanse tamén a piques de finalizar. Tamén fixeron saber que a Oficina nace co “obxectivo de captar e atraer investimento tecnolóxico e industrial, principalmente no contexto da Industria 4.0”.
Así mesmo, as actuacións que se realicen estarán aliñadas coas políticas en materia de promoción industrial e atracción de investimentos existentes a nivel europeo, nacional, autonómico e local, tal e como se recolle no Plan de Promoción Tecnolóxico-Industrial elaborado pola entidade cameral. Este plan propón tres grandes obxectivos:
-Por unha banda, require mellorar os factores básicos de localización industrial, que implica completar a dotación de infraestruturas básicas, garantir a conectividade interna e externa, optimizar a coordinación institucional en materia de planificación do territorio e minimizar os trámites administrativos á implantación de novos proxectos industriais.
-Pretende unha mellora competitiva da industria local que garanta a súa supervivencia e localización na área metropolitana, o que pasa por adecuar a capacitación dos e das profesionais do sector aos novos requirimentos, fomentar a innovación, favorecer a diferenciación sectorial e a capacidade de achegar un maior valor engadido dentro das cadeas existentes, impulsar a internacionalización, intensificar a cooperación e adecuar a cultura empresarial.
-O terceiro gran obxectivo pasa por conseguir un maior grao de proactividade na atracción de investimentos industriais para a área.
A Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Cámara da Coruña arrincará no inicio de 2023
Compartir Este Artigo

