Xusto nesta recta final de ano completouse o proxecto tecnolóxico Nova TFE, co-impulsado dende unha manchea de entidades de Galicia e o norte de Portugal. Fixoo cunha serie de iniciativas promovidas pola Deputación de Ourense e co obxectivo de “dar resposta aos retos relacionados ca necesidade de creación de novas solucións industriais máis competitivas, ante a crecente competencia mundial”. Este proxecto está co-financiado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, cun orzamento de 1.017.166,00 €.
O proxecto Nova TFE centrouse na investigación aplicada relacionada coa Internet das Cousas (poñendo o foco nas súas posibilidades para as cidades conectadas) e a fabricación avanzada. Participaropn o seu impulso a Deputación de Ourense, a Mancomunidade do Salnés, a Dirección Xeral da Administración Local da Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo e a Cámara Municipal de Valença.
A Deputación de Ourense, como beneficiaria, levou a cabo unha serie de accións ao longo deste ano, rematando o proxecto coa colocación de sensórica en nove casas consistoriais da provincia: O Carballiño, Cartelle, Leiro, Muíños, Oímbra, Pereiro de Aguiar, A Rúa, A Teixeira e Xinzo de Limia. Esta sensórica, segundo informou a entidade provincial, consiste en distintos sensores que medirán variables como a presenza (control de acceso), temperatura e humidade, calidade do aire, contaminación acústica, consumo enerxético e tensión da rede, proporcionando unha serie de indicadores co obxectivo de optimizar e facer un uso eficiente dos recursos enerxéticos, xerando un menor impacto ambiental. Os datos recollidos intégranse co sistema instalado no Pazo Provincial da Deputación de Ourense e na Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo.
Ademais, dentro das actividades realizadas pola Deputación de Ourense, destacan tamén as seguintes:
-O Laboratorio de Experimentación e Prototipado TFE (que xorde convenio asinado entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo para crear dito laboratorio na Escola Superior de Enxeñería Informática (ESEI) do Campus de Ourense) e que permitirá experimentar novas solucións e validalas, compartir experiencias e transmitir coñecemento e contará con equipamento básico FabLab para encarar retos vencellados á robótica e á factoría 4.0. O obxectivo desta iniciativa é “ofrecer tecnoloxías facilitadoras a alumnado, profesorado, pemes e emprendedores para o desenvolvemento real das súas ideas”. Conta, entre outros equipamentos, cunha impresora industrial de alta capacidade, unidades de estación de traballo que permiten principalmente procesar algoritmos de intelixencia, cámaras específicas de visión tanto industrial, como de planta ou varios kits educativos para simulación do que sería unha fábrica intelixente.
-Instalación no Pazo Provincial de distintos equipamentos para a medición de variables coa finalidade de ofrecer un laboratorio vivinte (Living Lab) con medidas de sensores e actuacións sobre diversos equipos, pensados para as propias pemes como lugares de validación e centros demostradores de cara a convencer a potenciais socios financeiros e clientes.
-Demo Days TFE, unha actividade ca que se pretendeu impulsar ou acelerar un proxecto empresarial, levando os emprendedores a cabo unha presentación das súas propostas, iniciativas ou avances da súa compañía ante un público de interese para eles, proveniente de diversos ámbitos. Acudiron medio centenar de persoas que foron testemuñas da exposición de proxectos por parte de 6 empresas de tan variados ámbitos como a aeronáutica, arqueoloxía, ou impresións 3D. Destacaron representantes do sector empresarial, así como da comunidade universitaria, xerando grandes sinerxias e colaboracións.
Complétase o proxecto Nova TFE coa colocación de sensórica en nove consistorios de Ourense
Compartir Este Artigo

