O proxecto Quantum Secure Networks Partnership, QSNP, impulsado por un consorcio de máis de 40 socios, entre eles a Universidade de Vigo, e liderado polo Instituto de Ciencias Fotónicas, ICFO, con sede en Barcelona, conta cun orzamento de 25 millóns de euros e unha duración de tres anos e medio. Nesta iniciativa están implicados socios de toda Europa, entre os que hai 23 institucións académicas, cinco fundacións, sete pemes e spin-offs, tres integradores de redes e criptografía e catro operadores de telecomunicacións.
Segundo explican fontes da UVigo, QSNP nace con tres obxectivos: desenvolver tecnoloxía cuántica avanzada para redes de comunicación seguras contra o poder cada vez maior dos ordenadores e a sofisticación dos algoritmos; integrar esta tecnoloxía nos sistemas de telecomunicación clásicos existentes e nos protocolos poscuánticos; e entregar tecnoloxía europea crítica a infraestruturas gobernamentais como a European Quantum Communications Infrastructure (EuroQCI).

Este novo proxecto xorde ao abeiro do Quantum Flagship, un megaproxecto europeo que conta con 1.000 millóns de euros de orzamento e dez anos de duración no que están involucrados máis de 5000 investigadores, co obxectivo de levar a física cuántica do laboratorio ao mercado. Tras esta reunión de lanzamento en modalidade virtual, a primeira reunión presencial con todos os socios do consorcio celebrarase nas instalacións de ICFO en Barcelona, do 24 ao 25 de abril.
A UVigo participa nun proxecto cuántico europeo para mellorar a seguridade das comunicacións
Compartir Este Artigo
