
O presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, moderará a primeira charla, na que intervirán Alberto Pan e Daniel Lender, CTO e CFO de Denodo, respectivamente. Os directivos desta empresa galega, especializada en xestión de datos, explicarán como evolucionou a súa tecnoloxía dende a súa fundación no ano 1999, analizarán as tendencias do mercado e falarán sobre a súa experiencia con Silicon Valley e como conseguiron o apoio de grandes inversores internacionais, como TPG Growth, que acaba de inxectar 336 millóns de euros na compañía.
Zeltia Lado, directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Xunta, será a seguinte relatora da xornada. Na súa intervención, sinalará os instrumentos precisos para o impulso da aprendizaxe permanente, que permitan capacitar a persoas e empresas para contribuír á transición dixital dos seus proxectos, apoiando a innovación e a competitividade. David Pereira, Head of Data & Intelligence de NTT Data para Europa e Latinoamérica, aportará a súa visión sobre como se están a introducir os proxectos de IA nas grandes organizacións.
Posteriormente, Ravin Dhalani, CIO no Grupo MásMóvil, afondará na estratexia tecnolóxica da súa empresa para introducir a intelixencia artificial como resposta aos retos de negocio. Este enxeñeiro de telecomunicacións, cofundador de BQ, estivo á fronte de diferentes equipos multidisciplinares de alto rendemento e gran estabilidade, integrados por máis de 200 enxeñeiros de software, tanto en BQ como no Grupo MásMóvil.
A última participación da xornada será a cargo de Chema Alonso, membro do Comité Executivo e CDO de Telefónica, que abordará a estratexia global da multinacional no ámbito da IA. Neste cargo, lidera a Innovación, Data, Plataformas e Produtos e Servizos Dixitais, así como Telefónica Open Gateway, a iniciativa para abrir as redes da compañía para ofrecer capacidades telco a través de API globais e estandarizadas.
O Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC inaugurarase cun evento sobre IA e big data
Compartir Este Artigo
