Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña, acompañado da vicerreitora do Campus de Ferrol Ana Ares, o director do Campus, Marcos Míguez, o director da EPEF, Vicente Díaz Casás, e o director de Proxecto de Navantia Seanergies, Fernando Lago, recibiron este mércores no Campus ferrolán ao alumnado da terceira promoción do Mestrado Erasmus Mundus en Sustentabilidade e Industria 4.0 Aplicada ao Sector Marítimo (o mestrado SEAS 4.0).
Ao longo da semana, os 19 estudantes matriculados no Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0 e procedentes de Pakistán, Nixeria, Azerbaixán, Sudán, Turquía, Camerún, Colombia, Irán, Rusia e Perú visitarán a cidade departamental e os seus concellos limítrofes, o Museo da Construción Naval (Exponav) así como os estaleiros de Navantia en Ferrol e Fene. Está previsto que este xoves 15 de febreiro, ás 09:15 horas, os reciba o alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela, nun acto institucional no Pazo Municipal.
A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) acolle desde o curso 2021/2022 o Mestrado Erasmus Mundus SEAS 4.0, unha titulación internacional que afonda no estudo e aplicación das tecnoloxías 4.0, de eficiencia enerxética e de mellora medioambiental no eido do sector naval, así como na construción e operación do buque. O proxecto, financiado pola Comisión Europea, naceu baixo o paraugas dun consorcio integrado pola Universidade de Nápoles Federico II (Italia), a Universidade da Coruña (España) e a Universidade de Zagreb (Croacia). Máis tarde, sumaríase ao proxecto a Universidade Técnica de Hamburgo (Alemaña).
A coordinadora principal de SEAS 4.0 é a profesora do Departamento de Enxeñaría Industrial da Universidade de Nápoles Federico II, Ermina Begovic. O responsable na UDC é o director do Campus Industrial, profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e membro do Grupo Integrado de Enxeñaría (Gii), Marcos Míguez. Na Universidade de Zagreb, a coordinación recaeu no profesor Jerolim Andric, e na da Universidade Técnica de Hamburgo en Franz von Bock und Polach.
O Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0 presenta un plan de mobilidade que leva ao alumnado a cursar o primeiro semestre na cidade de Nápoles, o segundo en Ferrol e o terceiro en Nápoles, Ferrol, Zagreb ou Hamburgo, segundo as súas preferencias. No que atinxe ao Traballo Fin de Máster (TFM) poderá realizalo en calquera das tres universidades que integran o consorcio, nas universidades asociadas ou ben nas sedes dos denominados socios industriais.
Ao seu remate, o alumno ou alumna recibirá dous títulos oficiais. O primeiro estará emitido pola Universidade de Nápoles Federico II e o segundo pola Universidade da Coruña. A maiores, obterán tamén un documento adicional no que se recollerá o itinerario cursado no terceiro semestre.
Ricardo Cao recibe no Campus de Ferrol ao alumnado da 3º promoción do mestrado SEAS 4.0
Compartir Este Artigo

