Esta fin de semana Sevilla acollía a XXVIII Olimpíada Informática Española (OIE) 2024 celebrada na Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Sevilla. Os galegos gañadores da Olimpíada Informática Galega (OIG), celebrada en Ourense en febreiro, o ferrolán Pedro Rey Anca (estudante de 2º de bacharelato do IES Saturnino Montojo de Ferrol) e o vedrés Hugo Domínguez Conde (estudante de 1º de bacharelato do CPR Manuel Peleteiro de Santiago), foron os representantes neste certame estatal acadando un diploma pola súa participación.
Os catro gañadores que recibiron a medalla de ouro da competición: Alejandro Vivero, Javier Baeza, Daniel Nieto e Héctor Berdeal, compoñen o equipo español que participará na 36ª Olimpíada Internacional de Informática que se celebrará en Exipto no mes de setembro.

A Olimpíada Informática Española (OIE) é o concurso nacional de programación informática para estudantes de ensinanza secundaria, bacharelato e grao medio. A OIE celébrase en España desde 1997, co apoio da Fundación Aula Escola Europea de Barcelona e o equipo español sempre participou en todas as súas edicións. Desde 2006, a Facultade de Informática de Barcelona (FIB) da Universidade Politécnica de Cataluña (UPC) e, desde 2019, a Conferencia de Directores y Decanos de Ingeniería Informática (CODDII) colaboran coa Fundación Aula Escola Europea na organización do concurso, así como o Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería Informática, o Ministerio de Educación y Formación Profesional e a Sociedad Científica Informática de España.
A Olimpíada Informática Española 2025 celebrarase na FIC da UDC
Compartir Este Artigo

