A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), lanzou o programa Formación Dixital, un proxecto que conta coa participación de máis de 1.000 alumnos e alumnas.
Este curso, cen por cen de balde, en liña e titorizado, ten como obxectivo principal “preparar á cidadanía para obter a Certificación Galega de Competencias Dixitais (ComDix) e fomentar a alfabetización dixital no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030”.
O programa está deseñado para persoas maiores de 14 anos, coa meta de chegar a máis de 45.000 participantes. A través dunha formación accesible e práctica, Formación Dixital busca dotar aos galegos e galegas de ferramentas que lles permitan desenvolverse con seguridade nunha contorna dixital cada vez máis demandante.
O curso, de nivel intermedio, ten unha duración máxima de 10 semanas. Durante este tempo, os participantes terán acceso a contidos teóricos e actividades prácticas deseñadas para facilitar a aprendizaxe, sempre baixo a guía de titores especializados. A formación está estruturada en cinco áreas:
1. Información e datos: xestión e análise da información dixital.
2. Comunicación e colaboración: interacción e traballo en contornas dixitais.
3. Creación de contido dixital: desenvolvemento de contido adaptado á contorna tecnolóxica.
4. Seguridade e privacidade: boas prácticas para protexer datos persoais e dispositivos.
5. Solución de problemas: habilidades para resolver incidencias no ámbito dixital.
Un proxecto financiado pola Unión Europea
Grazas ao financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia mediante os fondos Next Generation da Unión Europea, o curso é completamente gratuíto para o alumnado. Segundo lembra AMTEGA, “isto permite que calquera persoa interesada poida acceder sen restricións económicas a unha formación de calidade que, ademais, serviralle como base para obter a certificación oficial en competencias dixitais de Galicia”.
Inscrición aberta
As persoas interesadas poden inscribirse a través da páxina web oficial do programa. Con iniciativas como esta, a Xunta de Galicia reforza o seu “compromiso co desenvolvemento tecnolóxico da comunidade autónoma, promovendo unha sociedade máis preparada para afrontar os retos do futuro dixital”, segundo informaron fontes de AMTEGA.
Máis dun milleiro de persoas participan xa no programa de Formación Dixital de AMTEGA
Compartir Este Artigo

