
A votación electrónica substituíu este venres os tradicionais sobres e urnas nas eleccións ao decanato da Facultade de Química da Universidade de Vigo. O centro protagonizou así a primeira cita electoral da institución académica realizada mediante o sistema de voto electrónico, nunha xornada que culminou coa elección de Begoña González de Prado como nova decana. Catedrática de Enxeñaría Química, convértese así na primeira decana da UVigo elixida mediante este procedemento de votación.
Volvendo a Química, das 64 persoas chamadas a participar, finalmente exerceron o seu dereito ao voto 51. A xornada arrancou ás 9.30 horas coas intervencións da decana saínte, Ángeles Peña, que agradeceu o apoio recibido ao longo dos sete anos que estivo á fronte da facultade, e da candidata, Begoña González de Prado, que aproveitou a súa intervención para presentar as principais liñas do programa co que afronta esta nova etapa.
Unha vez rematadas as intervencións, abriuse o proceso de votación electrónica, para o que era necesario dispoñer de certificado dixital. A previsión inicial era manter aberto o período de votación entre as 9.45 h e as 10.15 horas, pero o proceso puido pecharse un par de minutos antes, unha vez emitidos todos os votos. O sistema iniciou entón o reconto e, en apenas uns minutos, deu a coñecer os resultados: 38 votos a favor, oito en contra e cinco en branco.
Segundo informou a secretaria xeral da UVigo, Enma Rodríguez, esta xornada tivo un significado especial para a Universidade de Vigo: “O voto electrónico é por fin unha realidade nos nosos campus”. Amais, cualificou esta 1ª experiencia como un paso inicial cara ao seu desenvolvemento completo.
“É unha aposta no século XXI do que significa ter unha universidade avanzada”, asegurou Rodríguez, que incidiu en que a UVigo “non podía quedar atrás nesta cuestión”. Segundo explicou, o proxecto xa estaba moi avanzado e só quedaba desenvolvelo e poñelo en marcha “con todo o rigor técnico e seguridade xurídica que obviamente isto require”.

A secretaria xeral recoñeceu que a xornada viviuse con “moitísima alegría” e puxo en valor a boa acollida que tivo a iniciativa na Facultade de Química. “Están encantados, orgullosos e o ambiente da xornada foi moi festivo”, subliñou. Para Rodríguez, a estrea do voto electrónico nunha facultade que xa está á vangarda en moitos ámbitos fixo que a experiencia fose especialmente significativa.
A intención da Universidade de Vigo é, segundo explicou a secretaria xeral, continuar avanzando nesta dirección, incorporando progresivamente o novo sistema a outras convocatorias electorais e mantendo as garantías necesarias.
O novo equipo decanal da Facultade de Química está integrada por un grupo de catro mulleres con representación dos catro departamentos da facultade. Xunto á nova decana, intégrano Vanesa Romero, do Departamento de Química Analítica, e Marta Domínguez, do Departamento de Química Orgánica, como vicedecanas, e María Talavera, do Departamento de Química Inorgánica, como secretaria. González de Prado definiu o grupo como “un equipo multidisciplinar, feminino e moi, moi novo”.


