O Concello de Pontevedra puxo en marcha unha nova páxina web ao servizo da cidadanía e das necesidades de toda a veciñanza. Trátase, explicaron fontes do Concello, dunha “ferramenta máis accesible e moderna, que se adapta mellor ás necesidades informativas actuais da sociedade”.
As guías da nova web foron “a nova imaxe corporativa, o pleno funcionamento da sede electrónica municipal, a posta en marcha dos fondos europeos e a necesidade de crear pezas máis visuais, intuitivas e atractivas para o usuario”, explicou o Concello, engadindo que á páxina é posible achegar contidos de xeito máis rápido, “xa que ten unha organización máis clara e estruturada”.
Ademais, o Goberno local salienta que “a nova web está totalmente adaptada á nova imaxe corporativa municipal estreada hai un par de anos, onde priman as cores azul, area e branco… de feito empregáronse símbolos da imaxe corporativa na parte inferior, destacando algúns elementos importantes da cidade, como a Igrexa da Peregrina, a Ponte do Burgo ou o Mercado”.
Ademais, fíxose unha reestruturación atendendo ao pleno funcionamento da sede electrónica, que obrigou a retirar campos e áreas que xa estaban xestionadas directamente pola eAdministración municipal. En troques disto, creouse a pestana Trámites para que a cidadanía saiba onde ten que dirixirse para xestionar directamente co Concello.
Dende o Executivo local explicaron tamén que “as esixencias da concesión dos fondos europeos esixía unha estruturación da información das distintas liñas subvencionables e amosalas claramente na web tal e como recomendan as administracións xestoras dos fondos; todo iso facía obrigado un cambio de imaxe que deu como resultado unha nova web que mellora a experiencia do usuario grazas á navegación máis intuitiva, contidos máis accesibles e unha distribución distinta das áreas, adaptada á actual distribución das áreas de goberno”.
A páxina activouse o pasado 28 de outubro e atópase en fase de probas e, por ese motivo, habilitouse un formulario de fácil acceso Suxestións nova web desde o que a cidadanía pode indicar que contidos bota en falta, que se pode mellorar da nova web, se hai algún apartado que non atope ou calquera inquedanza relacionada con este redeseño.
Pontevedra adapta a súa web ás necesidades informativas actuais da cidadanía
Compartir Este Artigo

