O ano pasado había unha grande expectación ante as compañías que estaban a prometer trebellos potenciados por intelixencia artificial co potencial de mudar as nosas vidas e incluso ser capaces de substituír os smartphones, como o Ai Pin de Humane, que tras impresionantes demostracións foi unha completa decepción ao chegar aos primeiros consumidores, ata o punto de que no mes de agosto chegou a rexistrar máis devolucións que vendas.
No caso de Humane daba a impresión de que a compañía simplemente fixo promesas pouco realistas, por non atender ao desenvolvento actual dos modelos de IA, en contraste con outro produto que tamén se fixo popular, o r1 de Rabbit, que resultou ser un calote.
Humane conta con numeroso talento e avances que a longo prazo poden resultar produtivos, pero na súa situación actual resultaba case imposible que os investidores puidesen confiar nunha compañía marcada como fracasada, de aí que non sorprenda o anuncio de HP de ter pechado un acordo definitivo para adquirir capacidades clave en IA de Humane, incluída a súa plataforma Cosmos baseada en intelixencia artificial, talento técnico altamente cualificado e propiedade intelectual con máis de 300 patentes e solicitudes de patente. A operación, valorada en 116 millóns de dólares, está previsto que se complete a finais de mes.
Tuan Tran, presidente de Tecnoloxía e Innovación de HP asegura que «este investimento acelerará rapidamente a nosa capacidade para desenvolver unha nova xeración de dispositivos que orquestren solicitudes de IA de maneira fluída, tanto localmente como na nube» apuntando que «a plataforma de IA Cosmos de Humane, apoiada por un grupo incrible de enxeñeiros, axudaranos a crear un ecosistema intelixente en todos os dispositivos de HP, desde PCs con IA ata impresoras intelixentes e salas de conferencias conectadas».
Os profesional de Humane pasarán a formar parte dun novo laboratorio de innovación en IA de HP que se chamará HP IQ, e centrarase en construír un ecosistema intelixente en todos os produtos e servizos da compañía para o futuro do traballo.
Pola parte dos consumidores anuncian o cese da comercialización dos dispositivos Ai Pin e advirten de que os seus servidores deixarán de funcionar o 28 de febreiro, polo que en marzo os dispositivos xa non estarían operativos, de xeito que instan aos usuarios actuais a facer unha copia das fotografías, vídeos e notas que teñan no Ai Pin antes de que sexa tarde.
HP merca Humane por 116 millóns de dólares
Compartir Este Artigo

